Tomiño ponse en marcha coas súas dúas primeiras rutas polas sendas naturais do municipio

Tomiño ponse en marcha coas súas dúas primeiras rutas polas sendas naturais do municipio

Tomiño ponse en marcha coas súas dúas primeiras rutas polas sendas naturais do municipio

Estas andainas guiadas, de balde e sen inscrición comezan este venres 12 cun percorrido polo río da Pedra e o domingo 14 cunha coa ruta da Pedra Furada

O Concello pon en marcha esta fin de semana ‘Tomiño en marcha’, unha nova iniciativa impulsada ao abeiro da Axenda Impacto Saudable coa que a veciñanza poderá descubrir de forma guiada as sendas naturais do municipio a través de andainas gratuítas, abertas a todos os públicos e sen necesidade de inscrición previa.

O programa nace coa vontade de fomentar hábitos de vida saudables, promover o contacto coa natureza e dar a coñecer a riqueza paisaxística e patrimonial do concello, aproveitando a recente posta en valor dunha rede de rutas que xa pode consultarse e descargarse de balde a través das plataformas especializadas Wikiloc e Komoot.

A primeira cita será este venres 12 de xuño coa Ruta do Río da Pedra, un percorrido circular de case 4 quilómetros, cunha duración aproximada dunha hora e dificultade baixa. A saída terá lugar ás 20.30 horas desde a Área Recreativa da Pedra, nunha proposta ideal para gozar da natureza ao solpor.

A programación continuará o domingo 14 de xuño coa Ruta da Pedra Furada, unha andaina circular de preto de 9 quilómetros, cunha duración estimada de dúas horas e media e dificultade media-alta. Neste caso, a saída realizarase ás 09.30 horas desde o Parque de Figueiró.

A través destas andainas guiadas, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man os recursos naturais, paisaxísticos e culturais que agochan as diferentes parroquias do municipio, ao tempo que comparten unha experiencia saudable e accesible ao aire libre.

O Concello anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e a aproveitar esta oportunidade para descubrir ou redescubrir recunchos singulares de Tomiño nun ambiente participativo e próximo.

‘Tomiño en marcha’ continuará durante os meses de xuño e xullo percorrendo progresivamente as distintas rutas do municipio, consolidándose como unha proposta que combina natureza, benestar, deporte e coñecemento do territorio.