Tomiño porá en marcha o “Programa EncaixaT”, pioneiro na promoción de valores e aptitudes sociais en menores Traballarase, en principio, con dos grupos dirixidos por persoal cualificado e coordinados polo Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF)

O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), porá en marcha este curso un programa pioneiro na zona, co obxectivo a acadar é promover actitudes, aptitudes, coñecementos, pautas e habilidades que favorezan o desenvolvemento autónomo e grupal de menores, especialmente, dos que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. A prestación deste servizo fíxose máis necesaria debido á aparición da pandemia do Covid-19 e as consecuencias que isto supuxo para o día a día de moitas familias.

O Programa de Intervención Socio-educativa coa infancia e adolescencia do Concello de Tomiño, estará dirixido á poboación comprendida prioritariamente entre os 8 e os 14 anos, sen prexuízo de poder ampliarse por causas motivadas, até os 6 e os 16 anos.

No programa diferenciaranse dúas áreas de intervención: unha de formación socio-educativa e outra de apoio psicolóxico a menores.

A primeira, desenvolverase a través de obradoiros específicos e actividades. Concretamente, constará dun programa de hábitos de estudo centrado no apoio das tarefas derivadas dos centros escolares, e outro de tempo de lecer e participación comunitaria. Crearanse en principio dous grupos de 8 menores cada un, que recibirán atención dous días á semana, a razón de hora e media cada día. Ao fronte dos grupos, estará persoal cualificado coordinado polo SEAF e a Concellería de Benestar Social, á que pertence dito servizo.

Pola súa banda, a área de apoio psicolóxico, terá como eixes vertebradores “a competencia social, a capacidade para a resolución de problemas, a autonomía e o sentido de propósito e de futuro”, segundo explica a responsable de Benestar, Cristina Martínez.

Explica a concelleira que a creación dun espazo socio-comunitario dedicado á infancia e á adolescencia en situación de vulnerabilidade, é unha aposta do goberno local por seguir sendo referencia en políticas de infancia e ofertar un apoio educativo e psicolóxico que sirva coma axuda ás familias con menos recursos, dotando aos seus fillos e fillas de competencias socio-educativas e favorecendo a súa inclusión social”.

O programa procura ofrecer un espazo onde o tempo de estudo se conxugue co traballo a nivel emocional, social e fomento dos hábitos saudables. Centrado en valores de tolerancia, igualdade, consumo responsable, etc., dende un marco grupal  reducido, o programa abrangue a atención á diversidade e o apoio individualizado.

Son obxectivos concretos traballar a intelixencia emocional, interiorizar hábitos saudables e favorecer un modelo de crianza con apego, dende o apoio ás familias.

Datos de interese

A nivel poboacional o concello de Tomiño conta con máis de 14.000 habitantes na actualidade, dos que máis de 2000 son menores de idade, o que representa o 15% da poboación.

Segundo datos proporcionados polo SEAF, no intervalo de idade de 6 a 18 anos, atópase o 22% da poboación vulnerable que require de mecanismos de apoio, orientación e supervisión no seu desenvolvemento persoal, educativo e social.

O programa está cofinanciado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das axudas extraordinarias dirixidas aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a prestación de actividades de apoio ás familias para facerlle fronte ao impacto do Covid-19 durante o ano 2020.