Tomiño porá en valor o torreiro de Vilameán como espazo patrimonial e de lecer

Tomiño porá en valor o torreiro de Vilameán como espazo patrimonial e de lecer O Concello transformará a contorna cunhas obras que revalorizarán o carballo centenario da praza e incluirán a creación dunha pérgola fronte ao edificio sociocultural

Unha praza amable, sostible e accesible que permita poñer en valor a arquitectura e patrimonio da contorna e seguir recuperando espazos públicos para as persoas. Así será a contorna do torreiro de Vilameán tras as obras de transformación que levará a cabo o Concello de Tomiño e que buscan “xerar novos espazos de encontro e convivencia atractivos para a veciñanza nos núcleos das parroquias ao tempo que se preserva e se pon en valor axeitadamente unha zona con importantes elementos patrimoniais”, como sinala a o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto.

Trátase dunha actuación na contorna da igrexa parroquial de San Benito de Vilameán que conta xa coa autorización de Patrimonio na que se favorecerá o uso peonil seguro e se incorporarán novas zonas de estancia para un maior fluxo, uso e desfrute de nenos, nenas e maiores e que permitirá ademais a revalorización co carballo centenario que coroa o adro da igrexa, unha das árbores senlleiras destacadas de Tomiño. Ao abeiro deste proxecto crearase unha pérgola fronte ao edificio sociocultural repleta de glicíneas para xerar un espazo de sombra diante do inmoble, potenciando ese lugar de encontro e de lecer para a veciñanza.

Serán unhas obras respectuosas co medio e coa contorna na que se terá moi en conta minimizar calquera impacto visual. Por ese motivo, fronte ao muro de contención ao carón do torreiro construirase un entramado de madeira con especies vexetais trepadoras que naturalicen a zona e diminúan calquera alteración visual. Ademais, as obras darán como resultado un espazo de plataforma única con preferencia peonil e substituirán o muro existente entre o torreiro norte e sur por unha pequena grada que suavizará o encontro entre ambos elementos e que servirá como lugar onde sentarse para ver actuacións e concertos nos días de festa.

Como colofón, mellorarase a iluminación xeral en toda a praza e empregaranse sempre acabados suaves, con cores naturais xa identificados con outros espazos públicos do concello que nos darán como resultado, como sinala o concelleiro, “un espazo público contemporáneo, máis humanizado no que as persoas son as protagonistas e que permite poñer en valor a arquitectura e o propio espazo realzando todas as boas cualidades da praza cunha iluminación personalizada”.

“Con este proxecto continuamos coa nosa aposta por crear espazos públicos nas parroquias que sexan accesibles e pensados para os veciños e veciñas, lugares deseñados para que a xente camiñe, pasee, desfrute… e para converter estas contornas nun punto de encontro neurálxico da parroquia que funcionará como lugar de convivencia”, salienta Pérez Souto.

O Concello de Tomiño consensuou esta intervención coas entidades da parroquia e coa propia comunidade de montes, que axudaron a definir o proxecto e a asegurarse de que a intervención é a axeitada para os usos que precisa a veciñanza.