Tomiño presenta unha programación cultural de Nadal para gozar en familia con seguridade Teatro, autocine e contacontos son algunhas das apostas para estas festas

Nestas datas festivas de gran importancia para todos e todas é importante que as nenas e nenos poidan desfrutar do Nadal, pero tamén é importante continuar extremando as precaucións nun contexto no que a pandemia continúa presente no noso día a día. É por iso polo que o Concello de Tomiño decidiu enfocar a súa programación de Nadal pensando nos máis cativos e cativas, para que poidan celebrar estas festas en espazos seguros nos que a precaución e o mais estrito cumprimento das normas de seguridade sexan o prioritario.

AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, de Oviravai, o sábado 26 de decembro ás 17.30h no auditorio de Goián.

Espectáculo de música infantil no que a través das vivencias de Paio e Aurelio, un teixugo molón e un oso polar, iremos de viaxe ata o Polo Norte. A trama narra como Paio coñece ao oso Aurelio viaxando por Europa, como nace a súa amizade e como se axudan nos momentos difíciles. Todo isto dentro dun contexto de respecto absoluto a valores fundamentais como a natureza, a cultura, a reciclaxe, a amizade, o esforzo e o amor pola lingua.

CANTA, MIÑA PEDRA, CANTA de Xoán Curiel e Charo Pita, o luns 28 de decembro ás 11.30h na Praza do Seixo (en caso de choiva na primeira planta do Mercado Municipal). Todos os nenos e nenas asistentes serán agasallados cun libro da Editorial Galaxia.

Neste espectáculo musical, teatral e de narración oral, con elementos de participación activa, o actor e músico Xoán Curiel crea cancións propias e pon música ás cantigas recollidas polo autor, namentres que a actriz e contadora Charo Pita conta contos populares tamén de recollida do noso patrimonio inmaterial.

Os dous artistas fan un tándem en escena nunha proposta teatral infantil e para toda a familia.

Para rematar o ano 2020 o apalpador percorrerá as rúas de Tomiño para rematar no Mercado Municipal o 31 de decembro ás 12:00h e desexarnos un aninovo cheo de felicidade e comida. Este personaxe vive nas montañas do Courel e dos Ancares e o 24 e 31 de decembro percorre as vilas de toda Galiza para apalpar as barriguiñas e ver se nenos e nenas comeron o suficiente. Agasalla castañas e regalos de madeira.

Para comezar o novo ano 2021 temos AUTOCINE: o clásico de Nadal “SOLO EN CASA”, o sábado 2 de xaneiro ás 20h na rúa Daniel Calzado. Mentres que nunha sala de cinema tradicional o espazo destinado ao estacionamento de vehículos e o auditorio atópanse fisicamente separados, esta modalidade de proxección consiste en unilos: a experiencia cinematográfica vívese dende o interior do vehículo. Esta actividade foi solicitada polos mozos e mozas de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, petición que foi atendida polas concellerías de Mocidade e Cultura.

EN TODAS AS ACTIVIDADES é preciso reserva previa de entrada chamando ao teléfono 986622001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal