Tomiño presta axuda a máis de 60 familias en situación de especial vulnerabilidade O apoio da Agrupación de Protección Civil resulta decisivo para coordinar e facer chegar á cidadanía, medicinas, máscaras, alimentos, etc.

A dous meses da declaración do Estado de Alarma, o Departamento de Benestar Social do Concello de Tomiño, fai balance das medidas adoptadas para axudar ás familias a levar mellor a crise ocasionada pola pandemia do Covid-19.

Así, recibiron axudas de emerxencia para alimentos, farmacia, aluguer, transporte, internet, etc. unhas 60 familias (200 persoas) por un total superior aos 8.000 euros., incluídas as prórrogas concedidas a moitos grupos familiares en situación de vulnerabilidad.

Pero as medidas tomadas desde o departamento de Benestar, foron moitas máis. Dende habilitar canais de comunicación con centros educativos, centros sanitarios e entidades sociais co fin de atender ás persoas con especial dificultade e garantir a cobertura das súas necesidades básicas, ata regular e reconfigurar os servizos de axuda no fogar de competencia municipal, adaptando as tarefas e frecuencia, e garantir a prestación completa na modalidade de dependencia.

Asemade, incrementouse o servizo de teleasistencia domiciliaria, aumentando as chamadas telefónicas de control diario, co fin de contribuír á tranquilidade e acompañamento das mesmas, con especial seguemento das persoas máis vulnerables.

O departamente colaborou tamén no reparto gratuíto de menús a persoas en situacións de especial vulnerabilidade ou ausencia de habilidades, coordinando a iniciativa solidaria dos praceiros do Mercado Municipal, e continuou as actividades de estimulación cognitiva na terceira idade, co reparto semanal de cuadernillos polos domicilios de persoas maiores.

Por outra banda, a semana pasada rematouse o reparto da primeira remesa de máscaras hixiénicas, confeccionadas por unha rede de costureiras voluntarias en colaboración coa asociación de comerciantes e o Concello. Deste xeito, entregáronse en tres semanas consecutivas un total de 3.737 máscaras, repartidas entre 38 establecimentos comerciais de Tomiño e Goián.

De maneira simultánea, comezouse a confección dunha segunda remesa de máscaras, repartíndose xa o material entre as 16 costureiras voluntarias, que realizarán outras 3.000 pezas.

Un dos grandes aliados do Departamento de Benestar e da cidadanía en xeral, foi dende o primeiro día, Protección Civil de Tomiño, que colaborou en todas as tarefas de entrega e recollida de material, alimentos e medicinas, acompañamento de persoas maiores, prestando tamén apoio a diversos colectivos, incluso, na desinfección de zonas comúns. A agrupación sumou, deste xeito, máis de 220 horas de servizo, a día de hoxe, por parte de 8 persoas voluntarias, que de xeito totalmente desinteresado, estiveron disponibles durante todas estas semanas de confinamento, e ás que o Concello de Tomiño, quere reiterar o seu máis sincero agradecemento.