banner-letras

Tomiño procura a participación cidadá para celebrar unhas Letras Galegas diferentes A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza o xa tradicional concurso de deseño da camiseta do Día das Letras 2020

Unhas Letras Galegas on line baseadas na participación cidadá, é o que procura o Concello de Tomiño, para celebrar esta data tan importante sen permitir que o confinamento sexa un obstáculo.

A concellalía de Cultura e Normalización Lingüística, dentro da campaña de conmemoración desta festividade, recolleu centos de palabras escritas en galego pola veciñanza tomiñesa nas redes sociais do Concello; palabras relacionadas coa cultura galega, as tradicións, a forma de vida, etc.

Pois ben, agora é o momento de votar as 20 palabras que máis gusten a cada persoa (pódese votar como mínimo unha e como máximo vinte palabras na páxina web do Concello). As palabras máis votadas serán estampadas en “tote bags”, bolsas de tecido 100% algodón. Haberá 5 modelos diferentes que se repartirán, de balde, durante o mes de maio. A data límite para votar é o 8 de maio.

Por outra banda, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza o xa tradicional CONCURSO DE DESEÑO da CAMISETA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020. O deseño é libre e aberto e terá que ver coa lingua galega. Valorarase un deseño atractivo e orixinal, inspirado e relacionado coa promoción e valorización do galego.

Estará destinado unicamente á parte dianteira da camiseta, que será de cor branca, e debe incluír só unha cor. Poden participar mozos e mozas de 12 a 35 anos. O premio será un par de camisetas serigrafiadas co deseño gañador, un lote de libros e un par de tote bags.

Está aberto o prazo de inscrición para o OBRADOIRO ONLINE DE MÚSICA CRÍTICA, destinado á mocidade de 14 a 25 anos. O obxectivo principal deste obradoiro é que a mocidade teña información dos contidos da música “de moda”, tanto nas letras, coma visualmente nos videoclips, e dos valores que fomentan as principais estrelas desta industria, relacionando eses contidos coas consecuencias no desenvolvemento persoal e social.

Tamén se abordará o papel hexemónico que representa esta industria “mainstream” na sociedade. Despois de desgranar esta realidade, falarase de alternativas contraculturais, e de por qué non están respaldadas desde as principais plataformas comerciais. Trataranse exemplos de discursos musicais onde se fomentan valores positivos e daranse ferramentas para impulsar unha iniciativa, entre a mocidade participante, para construir cancións onde poidan expresar libremente discursos máis axeitados e acordes a súa realidade, con ritmos dos estilos máis escoitados actualmente entre a rapazada (trap e reggaeton).

Este cursiño on line terá lugar o xoves 14 de maio ás 18:00h., cunha duración total de dúas horas e media. A inscrición é de balde e pode formalizarse tamén accedendo á páxina web do Concello (tomino.gal).

Poden seguirse as actividades programadas nas redes:

FACEBOOK; https://www.facebook.com/omix.tomino/

INSTAGRAM: @omixtomino

 

LETRAS GALEGAS 2020
A Real Academia Galega (RAG) dedica o Día das Letras Galegas de 2020 a ­Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho ­Calero.
O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.