Tomiño realizou 239 baleirados de fosas sépticas a través do seu servizo este 2020 A limpeza das fosas está subvencionada polo Concello e poden adherirse ao servizo aqueles usuarios que non puideron conectarse aínda á rede de saneamento

O Concello de Tomiño ofrece desde febreiro de 2017 un servizo de baleirado de fosas sépticas para aquelas familias que aínda non puideron conectarse á rede de saneamento, que supoñen preto do 40% da poboación do municipio, un problema agravado pola dispersión da poboación nun territorio moi extenso (106 km2).

Neste servizo están censados actualmente un total de 244 persoas, das cales 130 o utilizaron durante o presente ano. En total foron realizados 239 baleirados en 2020 fronte aos 167 do ano anterior, un 43% máis. O custo promedio que ten contratar unha empresa de baleirado adoita superar os 100 euros, pero coas bonificacións que o Concello ofrece aos usuarios adheridos a este servizo o custe do primeiro baleirado do ano cífrase en tan só 20 euros, pasando a 40 nos baleirados seguintes. No caso daqueles fogares que polas súas circunstancias non poidan facer fronte ao pago está contemplada a exención do pago do primeiro baleirado se así o estipulan os servizos sociais do Concello.

O tempo de demora medio desde que o usuario demanda a limpeza ata que se produce é de 4,5 días. Este tempo pode verse dilatado en función da demanda do servizo —que se leva a cabo os martes e xoves—, especialmente nas épocas de chuvia, onde é frecuente que a EDAR de Tomiño traballe ao límite da súa capacidade e sexa necesario empregar a EDAR de Guillarei.

Aumento da demanda polo confinamento

O confinamento domiciliario decretado durante os meses de marzo e xuño tivo como consecuencia un aumento da demanda do servizo debido ao maior tempo que as persoas pasaron nas súas vivendas, chegando a concentraren estes catro meses case o 50% do total de baleirados.

Para solicitar o Servizo de baleirado de fosas sépticas, o titular da vivenda debe dirixirse primeiro á empresa AQUALIA e pedir un certificado de non estar conectado á rede de saneamento, ou ben estar situado a máis de 50 metros da mesma (se está a menos é obrigatorio conectarse). Do mesmo xeito, debe pasar polo Concello para inscribirse no Rexistro de Fosas Sépticas e Pozos Negros do Concello e cubrir unha solicitude (de autorización para o baleirado) a primeira vez que se solicita o servizo.

Toda a información para a solicitude do servizo pode consultarse na páxina web do Concello de Tomiño no apartado de “Medio Ambiente