Tomiño recibe catro novas subvencións do IDAE por importe de 827.000 euros para proxectos de eficiencia enerxética O pleno de Tomiño aprobou en sesión extraordinaria este luns un expediente de modificación de crédito de 502.993,19 euros que lle permitirá achegar ao Concello a parte que lle corresponde

O Concello de Tomiño vén de recibir tres novas subvencións do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (Ministerio de Transición Ecológica de España), por importe de 827.067,77 euros, para acometer importantes proxectos de eficiencia e aforro enerxético.

O pleno de Tomiño aprobou en sesión extraordinaria este luns un expediente de modificación de crédito de 502.993,19 euros que lle permitirá achegar ao Concello a parte que lle corresponde na financiación de tales proxectos, para os que o Concello achegará uns 470.000 euros de fondos propios.

Estes proxectos son os de mellora da eficiencia enerxética do Concello de Tomiño, rehabilitación enerxética da Escola Obradoiro de Goián e a reconfiguración de espazos públicos e usos no núcleo urbano de Goián. Tres grandes proxectos que veñen a sumarse á inminente rehabilitación do edificio de Benestar Social, e que marcarán un antes e un despois en materia de eficiencia e aforro enerxético de equipamentos municipais.

Todos estes proxectos son posibles (ademais de a fondos propios), grazas á concesión de subvencións a “Proyectos de entidades locales que favorezcan el paso a una economía baja en carbono (FEDER-POPE 2014-2020)”. O Concello de Tomiño solicitou catro subvencións ao IDAE, logrando obter a totalidade delas, que suman máis de 1 millón de euros.

O primeiro en licitarse, nestes días, será a rehabilitación enerxética do edificio de Benestar Social, cun orzamento total superior aos 237.000 euros, cunha achega municipal de máis de 60.000, e unha axuda de 174.163,00€ por parte do IDAE. Trátase dun proxecto de mellora da calidade e sostibilidade do edificio do antigo centro de saúde (hoxe adicado á atención ao público das áreas de Benestar Social, Cultura, Turismo, Mocidade, Deporte, Protección Civil e Policía Local), que comprende a instalación dun sistema de illamento térmico en paredes exteriores; cambio de tellado e carpintería exterior, así coma a instalación dun sistema novo de iluminación led, recuperador de calor e colocación de arborado que protexa da chuvia a fachada oeste.

As obras, que estarán rematadas en 12 meses, darán coma resultado un edificio municipal de categoría enerxética A, pioneiro no seu tipo na comarca, pensado para lograr un grande aforro en altos consumos, como é o caso.

A continuación emprenderase a rehabilitación enerxética do edificio coñecido coma Escola Obradoiro de Goián, continuándose coas obras de mellora na envolvente, tellado e ventás do mesmo (investimento de 142.203,73€ do IDAE e 62.766,89€ de fondos propios).

Tamén levarse a cabo a mellora enerxética do propio Concello, coa instalación dunha caldeira de biomasa policombustible (50.053,76€ do IDAE e 43.548,95€ de fondos propios) que funcione tanto con pelets, coma con astillas de pino ou carballo dos propios montes tomiñeses. “Deste xeito, pecharase o ciclo de subministro e autosuficiencia cun carácter local, engadindo un valor maior a un edificio público, e servindo coma exemplo de sostibilidade e sensibilización co medio ambiente”, explicou a alcaldesa, Sandra González.

Por último, afrontarase a obra máis ambiciosa de todas, coa reconfiguración de espazos públicos e usos no núcleo urbano da parroquia de Goián. Esta obra constará de varias fases e o investimento total supera o 1,4 millóns de euros, dos cales o IDAE achegará 634.810,28€.