Tomiño recibe o outono con teatro familiar no mercado e música coral no auditorio O domingo, Baobab Teatro, actuará no mercado ás 17.00h, coa súa obra “Contos con Roque”, e a Coral Polifónica de Tomiño celebrará ás 19.00h, no auditorio de Goián, o seu tradicional Concerto de Outono

O Concello de Tomiño continúa este domingo coa súa axenda cultural de outono, con dúas propostas ben diferentes e igualmente atractivas: teatro familiar e música polifónica.

Ás 17.00h, a compañía Baobab Teatro chegará ao 1º andar do Mercado Municipal, con “Contos con Roque”; un espectáculo de contos de interior para toda a familia (recomendada para nenos e nenas a partir de 1 ano). Con dirección de Óscar Ferreira e Andrea Bayer, esta última axudará a Roque, un simpático personaxe, a relaxarse durante unha viaxe en tren que durará uns 45 minutos. É  a primeira vez que Roque vai viaxar en tren e está moi nervioso. Andrea encherá a súa maleta de contos e de outros obxectos para subirse con el e tentar facerlle a viaxe máis agradable.

O Auditorio Municipal de Goián, pola súa banda, acollerá tamén o domingo, ás 19.00h, o tradicional Concerto de Outono da Coral Polifónica de Tomiño. En primeiro lugar actuará, coma convidada a Coral Polifónica Marusía, de Bueu, seguida da de Vila Nova de Cerveira, e pechará o concerto a de Tomiño, baixo a dirección de David González. O programa escollido para a ocasión é o seguinte: “Veli vai”, de Rey Rivero; “Aleluya-Leonard Cohen”, con letra de Il Divo; “Canción Húngara”, de José Serrano; “Enguedellos”, de Rey Rivero, e “Mi gran noche-Raphael, con arreglos de Juan Costa.

A Coral Polifónica de Tomiño comezou a súa andaina no ano 1997, da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo, estando formada na actualidade por 42 voces mixtas. Dende a súa fundación, a agrupación polifónica recorreu as comarcas veciñas, e outras moitas de Galicia, Portugal e España, participando en numerosos intercambios, encontros e concursos.