Tomiño recibe os primeiros selos de Comercio Seguro ante o Covid-19 A entrega aos propietarios de Lito Sport, Hebe Estética, Clínica Dental Ignacio Rodríguez e Arte Peluquería, tivo lugar onte coa presenza da alcaldesa e do concelleiro de Promoción Económica

Os primeiros galardoados alcanzaron as máximas notas nunha avaliación que ten a Xunta de Galicia a disposición dos establecementos

A Federación Provincial entregou onte en Tomiño os primeiros selos dunha campaña que infunde confianza nos consumidores. Estes selos acreditan como “Comercio Seguro” aos pequenos establecementos que aplican os protocolos sanitarios e hixiénicos estipulados pola Xunta na crise do Covid-19.

Os selos de “Comercio Seguro” foron entregados aos propietarios de Lito Sport, Hebe Estética, Clínica Dental Ignacio Rodríguez e Arte Peluquería, por parte da alcaldesa Sandra González, o concelleiro de Promoción Económica, Fran Campo; a vicepresidenta, o secretario e a xerente de Adeto, Marta Álvarez, Iago Pérez e Lorena Quinteiro, respectivamente, e o secretario xeral da Federación Provincial de Comercio, Turismo e Mercados Enrique Núñez.

Estes establecementos foron os primeiros en cumprimentar a autoavaliación da Xunta de Galicia dentro da plataforma www.comerciosegurogalicia.com, conseguindo a nota de “Elevado” e “Moi Elevado” que outorga a citada plataforma. A vindeira semana seguiranse repartindo distintivos a outros establecementos que tamén superaron a autoavaliación da Xunta de Galicia.

Dende ADETO confíase en que “todos os comercios leven a cabo a súa evaluación e soliciten o seu distintivo”.

A alcaldesa amosouse moi satisfeita pola distinción alcanzada polo comercio local, insistindo no valor de calidade e proximidade dos mesmos.