Tomiño, referente da rede Cidades que Camiñan na recuperación do espazo público en vilas de tamaño medio

Tomiño, referente da rede Cidades que Camiñan na recuperación do espazo público en vilas de tamaño medio

Tomiño, referente da rede Cidades que Camiñan na recuperación do espazo público en vilas de tamaño medio

Unha delegación desprazouse ata o concello para coñecer en primeira persoa a estratexia de intervención urbana e rural desenvolvida ao longo de case dúas décadas

Tomiño convértese en referente da recuperación do espazo público para as persoas en vilas de tamaño medio. O Concello recibiu a visita de campo dunha delegación cunha trintena de integrantes da rede Cidades que Camiñan, un encontro que busca coñecer de primeira man modelos que funcionan e no que destacou a estratexia levada a cabo por Tomiño durante as dúas últimas décadas. Unha visita que pon en valor que nos concellos do rural e con menos densidade urbana tamén se poden levar a cabo intervencións no espazo público que resultan transformadoras, replicables e referentes para outros territorios.

A xornada arrancou cunha recepción institucional na Casa do Concello, onde a alcaldesa, Sandra González, deu a benvida á delegación visitante. A continuación, o concelleiro de Planificación Estratéxica, Territorial e Económica Uxío Benítez ofreceu unha charla sobre a estratexia de intervención desenvolvida, un relato de case vinte anos de traballo continuo que transformou radicalmente a relación da veciñanza coa súa contorna.

Pero o verdadeiro aula foi a rúa. A delegación percorreu a pé o núcleo urbano do Seixo e visitou as intervencións realizadas nos núcleos rurais de Estás e Figueiró, para rematar cun paseo polo núcleo urbano de Goián. Un itinerario que permitiu comprobar en directo a todas e todos os visitantes como Tomiño recuperou ese espazo público para as persoas.

A alcaldesa, Sandra González, amosou a súa satisfacción pola visita, porque “que a rede Cidades que Camiñan escolla Tomiño para a súa primeira visita de estudos é un recoñecemento ao traballo de moitos anos e de moita xente. Estamos orgullosos e orgullosas do que construímos e de que sirva de inspiración para outros municipios. O de Tomiño non é un modelo pechado, é un proceso vivo do que seguimos aprendendo cada día”.

A visita consolida a Tomiño como referente no ámbito do urbanismo cidadán e da recuperación do espazo público a escala municipal, e abre a porta a futuros intercambios e colaboracións no seo da rede Cidades que Camiñan, unha asociación internacional composta por case un cento de cidades, catro deputacións e máis de 16 millóns de habitantes que busca que as e os viandantes sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público.