Tomiño reformará a cuberta do Auditorio de Goián e instalará novo equipamento técnico Coa intervención completarase a impermeabilización do edificio, ampliarase o escenario e adecuarase para as diferentes actuacións escénicas

O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no auditorio de Goián consistentes na mellora do seu equipamento e na reforma da cuberta. O edificio, remodelado no ano 2015 para habilitar os espazos necesarios para a creación da Escola de Música, será tamén intervido para adecuar as instalacións en diversos aspectos como a iluminación e o son, co fin de que poidan cubrir as necesidades actuais de uso.

O proxecto de reforma inclúe varios ámbitos de actuación. Por un lado completarase a impermeabilización do edificio a través da intervención na cuberta do auditorio. Por outro, levarase a cabo unha ampliación do escenario, retirando as escaleiras que son innecesarias trala creación dun novo acceso lateral na anterior intervención, e farase unha reforma da cabina de control, permitindo aos técnicos ter unha referencia directa do que acontece no escenario durante as diferentes actuacións escénicas.

A actuación irá acompañada dunha mellora do equipamento técnico das instalacións, tanto na iluminación como no son e no audiovisual.  O actual sistema de iluminación só permite iluminar a caixa escénica, impedindo unha correcta exposición dos personaxes situados na boca do escenario desde o bordo ata uns 2 metros de profundidade. Resolverase este problema coa instalación de luminarias de tipo LED situadas a ambos lados do escenario e desde a parte superior da parede frontal da cabina que permitan iluminar todo o que poida acontecer no escenario. 

Adecuarase tamén o espazo escénico coa instalación de carrís que permitan a mobilidade da estrutura de aluminio sobre a que se dispoñen elementos escénicos como as cortinas, panos e bambalinas, permitindo o seu desprazamento inmediato durante os actos e substituirase o sistema de proxección para adecualo a diversas funcionalidades alén do cinema. No ámbito do son, instalarase un novo equipo que garanta a unha cobertura homoxénea en todo o salón ademais dunha correcta intelixibilidade. 

“Estas melloras permitirán que o escenario se poida adaptar facilmente aos distintos usos que ten na actualidade, tanto para ser empregado para concertos da banda como para o teatro, mellorando notablemente a calidade das actuacións e facilitando o traballo do persoal técnico”, explica o concelleiro de obras, Alexandre Pérez.

O proxecto atópase pendente de adxudicación e conta cun orzamento base de 110.000 euros, que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.

Outras intervencións no Auditorio

Ademais destas obras de mellora, no Auditorio tamén está prevista a instalacións de paneis solares para o autoconsumo de enerxía fotovoltaica, unha intervención que se fará tamén na Casa do Concello. Ademais, recentemente vén de ser concluído o camiño que conectará o edificio coa praza Pintor Antonio Fernández, unha actuación encadrada no proxecto “Máis Goián” co que se pretende conectar os distintos equipamentos públicos da vila goianesa a través da mobilidade peonil.