Tomiño reformará o parque infantil da praza da Mina A actuación suporá unha renovación completa das instalacións, facéndoas máis accesibles e inclusivas para todas as franxas de idade

Hoxe tivo lugar no Concello de Tomiño a mesa de contratación para adxudicar o proxecto de reforma do parque infantil da praza da Mina, ubicada no núcleo do Seixo. A intervención vén motivada pola necesidade de renovar o actual pavimento do parque, bastante desgastado polo elevado uso soportado desde a súa instalación fai xa máis de 10 anos, ao ser un dos mais concorridos do núcleo do Seixo e situado nas proximidades dun xardín de infancia e escola infantil.

A actuación suporá a retirada dos antigos xogos e parte do valado de formigón, levantando parte do pavimento existente e substituíndoo por un novo, mellorando tamén deste xeito a seguridade dos nenos e nenas. A reforma pretende supoñer unha renovación completa de todo o parque, dotándoo dunha nova imaxe, coa instalación de novos xogos infantís accesibles e inclusivos para todas as franxas de idade. No recinto instalaranse un bambán inclusivo e adaptado tanto para o xogo individual como o grupal, unha casiña con estética moderna que convide ao uso da imaxinación dos máis pequenos, un tobogán de aceiro inoxidable integrado na nova topografía do recinto e un tubo a modo de túnel que permita esconderse e cruzar dun lado ao outro do terreo.

Neste sentido, a diferencia do parque actual, os novos xogos que se instalarán procurarán manter unha ligazón entre os mesmos, creando un espazo integrado e coherente. A topografía do chan converterase nun elemento principal no concepto do xogo, creando elevacións de distinta altura que conformarán unha paisaxe na que os nenos e nenas suban, baixen e escalen dando ás á súa imaxinación e deixando de ser unha simple base para a instalación de diversos elementos sen ligazón. Facilitarase desta maneira a creación dun entorno no que os nenos e nenas poidan xogar e socializar con seguridade.

O proxecto de reforma ten un orzamento base de licitación de 52.498,35 euros, e agárdase que as obras dean comezo a finais de maio.