Tomiño rehabilita o Lavadoiro do Ramo, na parroquia de Forcadela

Tomiño rehabilita o Lavadoiro do Ramo, na parroquia de Forcadela O Concello continúa co seu labor de recuperación do patrimonio etnográfico e arquitectónico do municipio para o desfrute de veciñanza

O Concello de Tomiño continúa a pasos para a recuperación do patrimonio etnográfico e arquitectónico da vila. Neste camiño, vén de rehabilitar o Lavadoiro do Ramo, situado na parroquia de Forcadela, co obxectivo de poñelo de novo en uso, protexer o seu valor patrimonial e recuperar, na medida do posible, o seu aspecto orixinal.

Esta obra de recuperación do patrimonio supuxo un investimento de máis de 20.000 euros que foron financiados ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra no ano 2021.

O proxecto, que se levou a cabo coa aprobación da veciñanza de Forcadela e da Comunidade de Montes, tivo o obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias do lavadoiro, ademais de protexer e conservar o patrimonio cultural e etnográfico. As obras consistiron na rehabilitación da cuberta do lavadoiro, dado o seu mal estado de conservación. Substituíronse, ademais, os apoios da cuberta elaborados anteriormente en tixolo por outros de pedra maciza da zona e columnas tamén de pedra. A reforma incluíu, así mesmo, a limpeza da mampostería.

Deste xeito, Tomiño continúa avanzando na recuperación e dignificación do seu patrimonio. “Este proxecto é importante para conservar e pór en valor o noso patrimonio, difundilo e perpetuar a identidade de Tomiño a través da historia, facendo partícipe á veciñanza no proceso”, comenta a concelleira de Cultura e Patrimonio, Ana Isabel Fernández.

Na mesma liña de actuación, a concellería levou a cabo o ano pasado o inventario e documentación do patrimonio de carácter etnográfico ligado á arquitectura tradicional e relixiosa, coa sinalización das igrexas e capelas románicas do concello, a de Santa María de Tebra, a de Barrantes e a de Tomiño.