Tomiño renova máis de 12 km de camiños cun investimento de máis de 1,3 millóns

Tomiño renova máis de 12 km de camiños cun investimento de máis de 1,3 millóns

Tomiño renova máis de 12 km de camiños cun investimento de máis de 1,3 millóns

O Concello impulsa a mellora de 60 vías municipais ao longo de todas as parroquias do municipio

Máis de 12 quilómetros de vías renovadas debuxan sobre o mapa de Tomiño novas intervencións que continúan o camiño dos últimos anos para mellorar a mobilidade da veciñanza. O Concello está a impulsar o asfaltado de 60 camiños e vías municipais ao longo de todas as parroquias do municipio, cunha superficie total que rolda os 70.000 m2 e un investimento global superior aos 1,3 millóns de euros.

As actuacións, distribuídas por diferentes parroquias, combinan obras xa executadas, traballos actualmente en marcha e novas intervencións en proceso de licitación, permitindo actuar de maneira progresiva sobre a extensa rede viaria municipal.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a dimensión dun investimento que “nos permite mellorar vías que forman parte da vida cotiá da veciñanza e que son fundamentais para os desprazamentos dentro das nosas parroquias. Son 60 camiños e moitos metros cadrados asfaltados que amosan o importante esforzo que estamos a facer para continuar modernizando a rede viaria municipal”, salienta.

Neste momento, o Concello captou fondos do Plan +Provincia 2025 e +Provincia 2026, así como do Vía Depo 2026 e de Agader para a acometer o asfaltado dunha parte dos máis de 500 km de camiños municipais cos que conta Tomiño, unha distancia equivalente á ida dende o municipio a Madrid.

“Somos un concello cun territorio moi amplo e disperso e cunha extensa rede de camiños municipais, polo que manter e mellorar estas vías require planificación, constancia e un importante esforzo económico”, explica Sandra González. A rexedora salienta que o Concello “traballa para aproveitar as diferentes vías de financiamento e multiplicar así a capacidade de investimento municipal, porque cada recurso que conseguimos captar permítenos chegar a máis lugares e responder ás necesidades das parroquias”.