Tomiño resolve 9 de cada 10 incidencias rexistradas a través da súa app móbil ‘Línea Verde’ O municipio pechou xa máis de 4.000 desde a implantación desta ferramenta e anima á veciñanza a empregala

Fai xa ano e medio que o Concello de Tomiño puxo en marcha a súa app móbil ‘Línea Verde’, unha ferramenta de comunicación directa que permite aos veciños e veciñas comunicar incidencias acontecidas no municipio tales como luces fundidas, fochancas no pavimento, lixo na rúa ou mobiliario público deteriorado, entre outras. 

Desde a súa posta en marcha en marzo do 2020 foron rexistradas máis de 4.500, das cales xa foron pechadas máis de 4.000, 9 de cada 10 (o 88,64%). Algunhas delas adoitan resolverse en menos de tres días laborables, como por exemplo as de alumeado público, que representan case un terzo das incidencias totais. Cada mes o sistema rexistra unha media de entre 200 e 250 notificacións, unha cifra que aumenta especialmente nos meses de inverno debido ás tormentas e as avarías que estas causan no tendido eléctrico, chegando case ás 300 durante este período. Do mesmo xeito, durante o presente ano tamén houbo unha tendencia ascendente debido ao maior coñecemento da aplicación por parte da veciñanza, que a emprega cada vez máis debido á súa utilidade e sinxeleza.

Comezar a empregala é moi sinxelo para o usuario. Tan só é necesario descargar a app ‘Línea Verde’ de xeito gratuíto a través de Google Play ou da App Store e seleccionar o municipio de Tomiño. Para comunicar unha nova incidencia soamente hai que premer no botón ‘Nova incidencia’, escoller a súa tipoloxía, enviar a ubicación da mesma e achegar algunha foto e explicación breve sobre o problema. 

Este proceso de dixitalización tamén foi asumido polo persoal do Concello: unha vez que o cidadán envía unha notificación, esta chega á tablet de cada equipo de traballo en función da tipoloxía indicada, que inicia os trámites para proceder ao seu arranxo. “Este sistema facilita moito o traballo do persoal municipal, xa que permite organizar a resolución das tarefas dun xeito moito máis eficiente, ademais de proporcionarnos moitos datos e estatísticas a tempo real”, comenta o concelleiro de Obras e Organización Interna, Alexandre Pérez Souto. Unha vez completado o proceso, o cidadán recibe outra notificación no seu móbil informándoo de que a incidencia rexistrada xa foi solucionada.

“Desde o Concello animamos á veciñanza a empregar esta aplicación, unha ferramenta útil xa que permite ao cidadán comunicarse co Concello dun xeito cómodo e rápido, o que facilita a resolución das incidencias”, comenta a alcaldesa Sandra González.