Tomiño retoma a programación cultural co espectáculo “Só.”, do artista Xampatito Pato A función será o vindeiro 25 de abril ás 17:30 horas no Auditorio de Goián

A programación cultural volve a Tomiño o vindeiro 25 de abril. Será no Auditorio de Goián a mans do artista Xampatito Pato, co seu espectáculo “Só.”, unha auténtica revelación na escena circense.

O artista pasou polos principais festivais de circo e rúa, e tamén estivo en diversos teatros de todo o país. “Só.” recibiu múltiples premios e recoñecemento, unha proposta de malabares elegante e divertida, cunha disciplina pouco estendida como a “cigar box”, que sorprende pola súa orixinalidade: un personaxe obsesivo, cuadriculado e meticuloso, un ser único na súa especie rodeado dun sin fin de caixas que escapan ao seu control e coas que xoga para dar forma ao seu mundo. Do caos xorde un universo delirante onde inventa a risa, creando unha loucura cómica e transformándose nun novo ser cunha nova figura.

O espectáculo será ás 17:30 horas, é apto para todos os públicos e terá unha duración aproximada de 50 minutos. A entrada terá un prezo de 3 euros para as persoas maiores de 12 anos e de 1,5 euros para as menores desa idade. Pódese reservar praza a través do correo electrónico cultura@tomino.gal ou chamando ao 986 62 20 01.