Tomiño saca a licitación a construción do Espazo Isaura Gómez un edificio intelixente que albergará a futura biblioteca e outras dependencias municipais Será un edificio multiusos, versátil, sostible, eficiente dende o punto de vista enerxético e totalmente dixitalizado

O goberno municipal de Tomiño vén de sacar a licitación a construcción do edificio “Espazo Isaura Gómez”, deseñadado polo Estudio “XL arquitectos”. Cun orzamento que rolda os 2 millóns de euros, o novo espazo albergará a futura biblioteca municipal e outras dependencias de carácter cultural e administrativo.

O edificio foi presentado á liña de subvencións da Deputación ReactPon e conta con financiamento municipal a través dun préstamo. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas é de dous meses a contar dende a publicación da licitación.

O edificio, que estará situado en pleno núcleo urbano do Seixo (rúa Colón, 4) a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias.

Formúlase un edificio multiusos, versátil, autónomo, aberto á xente, confortable, sostible, altamente eficiente dende o punto de vista enerxético, de feito o edificio aspira a ser clasificado como un dos Primeiros edificios públicos coa clasificación de PassivHouse ou edificios pasivos caracterizados polo seu baixo consumo enerxético.

Os usos principais serán os seguintes: unha biblioteca municipal, xa que na actualidade o Tomiño carece deste servizo; a ampliación, centralización, modernización e dixitalización do arquivo municipal, xa que na actualidade atópase disperso por varios locais e edificios debido á falta de espazo; a centralización de determinados servizos que ofrece o Concello nun só edificio para aforrar custos de mantemento e xestión como a aula Cemit.

Haberá tamén unha sala de usos múltiples para realizar actividades relacionadas co uso cultural e como apoio ao resto de servizos  expostos.

Dados os usos que vai albergar o edificio, exponse ocos grandes para aproveitar ao máximo a luz natural pero controlando o exceso de soleamento para unha maior eficiencia enerxética. Contarase tamén un “patio xardín” que se poderá aproveitar para realizar actividades o aire libre.

A biblioteca municipal situarase nas dúas primeiras plantas. En planta baixa estará o acceso principal do edificio e os usos máis ruidosos (mediateca, hemeroteca, zona infantil e xuvenil). Na 1ª planta colocaranse os espazos con maior demanda de silencio (sala de consulta e estudo).

A 2ª planta albergará a Aula Cemit así como unha sala de reunións polivalente para dar servizo a  calquera dos usos do edificio ou mesmo a colectivos da sociedade externos ao mesmo, así como dependencias administrativas.

A planta baixo cuberta destínase a espazo de usos múltiples, onde poder organizar conferencias, exposicións, talleres,  etc. Esta planta conta tamén cunha terraza exterior con zona cuberta e descuberta.

Empregaranse enerxías renovables para cubrir a demanda de  calefacción e refrixeración. Para conseguir o obxectivo dun edificio intelixente, dispoñerase de control de acceso automático, con emprego de domótica na climatización e dixitalizaranse os arquivos municipais e da biblioteca, de forma que o edificio sexa o máis  autónomo posible.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Sen dúbida será un espazo de referencia para a dinamización cultural que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e froito dunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a distintos colectivos e asociacións”, sinala.