Tomiño, sede da iniciación ao tiro con arco de 15 novos deportistas

Tomiño, sede da iniciación ao tiro con arco de 15 novos deportistas Arco Trasno organizou un campionato indoor de iniciación no que participaron arqueiros e arqueiras noveis do club tomiñés e do portugués SATA

Fin de semana de estrea para arqueiros e arqueiras en Tomiño. O club Arco Trasno organizou en colaboración co Concello un campionato indoor de iniciación no pavillón da Carballa, unha competición moi especial pensada  para todos aqueles rapaces, rapazas e maiores que se acaban de iniciar no tiro con arco e que aínda non participaron nunha competición oficial. Un xeito de que os e as deportistas vaian collendo táboas no desenvolvemento dunha competición oficial, con cronómetro e sinais acústicas e luminosas.

En total foron 15 deportistas, 6 principiantes do club tomiñés e outros 9 arqueiros e arqueiras da escola de tiro con arco portuguesa SATA. Unha xornada na que as e os participantes fixeron unha serie de tiradas como adestramentos, moi importantes para que se acostumen ás condicións dunha competición real. Ao final do campionato fíxose unha entrega simbólica de trofeos aos primeiros e segundos clasificados e clasificadas e de medallas aos terceiros e cuartos, onde os rapaces e rapazas sentiron a emoción de subirse ao podio. A xornada rematou cunha merenda para todas e todos os participantes para repoñer forzas.

Con esta competición o club dá por rematada a tempada de cursos de iniciación á espera de recibir cursos de instrutores para os mestres e mestras o vindeiro mes de novembro en Goián. Serán uns cursos formativos que, a través da colaboración do Concello, permitirán facerse instrutores e instrutoras a persoas de Galicia e Asturias da man de IFAA-Spain.

Dende o club agradécese a colaboración do Concello non só nesta formación, senón tamén na obtención de todo o necesario para seguir practicando este deporte no municipio. Pola súa banda, o Concello que quere dar os parabéns ao club Arco Trasno por todo o labor que está a desenvolver para levar o deporte do tiro con arco a toda a veciñanza.