Tomiño segue apostando pola cultura con dúas boas propostas para a vindeira fin de semana O sábado 12 de marzo chega “A señora de Forcadela”, unha  escenificación inspirada na historia de Josefa G. Segret e noutras mulleres galegas represaliadas a partir de 1936. O domingo, contacontos con "Pepa, a Loba"

O Concello, a través da Concellalía de Cultura, continúa coa súa programación de #primaveractiva tras unha exitosa acollida de Leira, espectáculo que introduciu a danza no municipio. A vindeira fin de semana o auditorio de Goián volverá  ser un destino a ter en conta para gozar da e con a oferta cultural municipal.

O sábado 12 de marzo, a través do programa da Deputación de Pontevedra “O pasado por vir”, chega ata Tomiño “A señora de Forcadela”, unha  escenificación teatral inspirada na historia de Josefa García Segret e noutras mulleres galegas represaliadas a partir de xullo de 1936. Josefa, nada en Tui e condenada á pena capital era mestra e socialista, coma o seu home, Hipólito Gallego que daba clases na parroquia de Forcadela (Tomiño). Líbrase da morte finxindo estar preñada para evitar a súa execución. Diagnosticou o seu embarazo o doutor Darío Álvarez Blázquez, xogándose a vida, non só pola deliberada falsidade senón por pertencer tamén a unha familia perseguida.

“A SEÑORA DE FORCADELA” foi a autora do libro “Abajo las dictaduras”, que auto editou no ano 1982. Unha obra desta mestra que “tamén é unha formación para a mocidade que non coñece as guerras nin os seus horrores”. Nas súas páxinas ilustra a represión franquista.

OS-QUINQUILLÁNS
Compañía con máis de trinta anos de actividade teatral profesional adaptada a todo tipo de espazos e eventos. Ademais de continuar cos espectáculos de sala e de rúa, desde 2013 a compañía especialízase na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular.

Data: Sábado 12 de marzo

Horario: 21h

Idade: A partir de 12 anos.

Lugar: Auditorio de Goián

Prezo: GRATIS

DURACIÓN: 30 minutos.

ELENCO: Tero Rodríguez e Lucho Penabade

 

 

O domingo, Pepa a Loba

Ao día seguinte, un espectáculo familiar para todos os públicos. Chega a Tomiño Pepa a Loba, unha figura mítica de Galicia, unha lendaria bandoleira galega de finais do século XIX,  que, segundo a lenda, acadou a súa fama asaltando camiños e roubando a caciques e cregos.

Os contos que falan da existencia dunha bandida chamada Pepa a Loba, que dirixiría a súa propia gavela de ladróns, son moitos e están espallados por toda Galicia. Ademais dos contos, existe unha referencia escrita que parece probar a existencia real de Pepa a Loba e é unha mención que a escritora e penalista Concepción Arenal fai dela logo dunha visita ao cárcere da Coruña. O público asistente poderá desfrutar dun divertido e atractivo espectáculo coa actriz Cristina Collazo. “Procúrase Pepa a loba”  É un contacontos a cargo da compañía A Cova das Letras onde a danza e a música fúndense coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.

Ano 1890. Inauguración da taberna de Pepa a Loba. A súa gavela ao completo: Xan Quinto “o vello”, Maninocente e Calamity Jane celebran este día tan esperado, pero… un codiciado tesouro escóndese moi preto e só ela sabe o segredo.

Data: Domingo 13 de marzo

Horario: 17.30h

Idade: público infantil e familiar

Lugar: auditorio de Goián

Prezo: 3€ persoas adultas, menores de 12 anos 1,5€