Tomiño senta as bases da organización da Campaña “En Negro contra as Violencias 2018”, que se porá en marcha o 25 de Novembro - A alcaldesa Sandra González, asistiu o pasado luns, a unha primeira reunión con axentes sociais e varios colectivos do Concello

  • Contouse con “Voces Novas”, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, que amosou unha grande implicación

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presidiu o pasado luns, unha primeira reunión con axentes sociais e varios colectivos do Concello, para sentar as bases da organización da Campaña “En Negro contra as Violencias 2018”, que se porá en marcha con motivo do 25 de Novembro,  Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O Concello de Tomiño adheriuse por primeira vez a esta campaña o pasado ano, e este renova “o seu compromiso político e técnico con esta acción colectiva e transversal para a sensibilización social contra as violencias machistas, que implica a participación activa, baixo a coordinación do  Concello, da poboación e do tecido económico e social”, explicou a alcaldesa.

Este ano compre destacar a participación dende esta primeira reunión, de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, que amosou unha grande implicación.

Durante o mes de outubro e primeiros de novembro, dende o Concello iranse perfilando as distintas accións da campaña deste ano, contactando individualmente con establecementos da vila, e anunciando a chegada do material que será repartido por espazos privados e públicos.

Dende o seu inicio no 2015, esta campaña foise expandindo por toda Galicia, e hoxe son xa 85 concellos adheridos e 3 deputacións provinciais.

No 2017, a participación  de  establecementos, negocios, asociacións, centros educativos, e axentes sociais foi masiva. Así, os comercios e lugares públicos cubriron os seus espazos co material da campaña, que en letras brancas sobre fondo negro, co logotipo creado especialmente pola deseñadora Uqui Permui, reflectían a orixe da violencia machista e as súas consecuencias; as redes sociais foron durante días un espazo de denuncia.

E, tal como se lembrou nesta primeira reunión celebrada no Concello de Tomiño, esta campaña serviu tamén, e sobre todo, para trasladar á veciñanza o debate sobre a flagrante vulneración dos dereitos humanos que encarna a violencia machista, nas súas distintas manifestacións.

A foto corresponde á mesa contra a violencia de xénero celebrada no mes de xuño de 2017 no Concello.