Tomiño súmase á conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo A fachada consistorial iluminouse de azul para solidarizarse coas persoas que padecen este trastorno e coas súas familias

O Concello de Tomiño súmase á conmemoración este 2 de abril do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo. En adhesión á convocatoria lanzada pola Asociación de Pais, Nais, Familiares e Amigos de Persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) “Un Máis”, a Casa do Concello de Tomiño iluminouse de azul como mostra de solidariedade coas persoas que sofren este trastorno e coas súas familias, ao que se suma a  colocación dunha lona na fachada do edificio consistorial na que se fai referencia a esta conmemoración.

Desde a asociación traballan para dar visibilidade a esta realidade a través de diversas campañas. Baixo o lema “Podo aprender. Podo traballar”, a campaña do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo 2020-2021 céntrase na educación e no emprego, dúas áreas fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA co fin de lograr a súa participación efectiva na sociedade.

As persoas con TEA teñen dereito a acceder a unha educación de calidade que fomente o seu éxito académico e o seu desenvolvemento persoal, pero que tamén facilite o seu acceso ao mercado laboral, atendendo ás capacidades e necesidades específicas de cada un.