Tomiño supera as 1.000 incidencias resoltas a través da súa app Liña Verde

Tomiño supera as 1.000 incidencias resoltas a través da súa app Liña Verde O alumeado público e o baleirado de fosas sépticas, as incidencias máis comúns. O Concello destaca os bos resultados obtidos nos seis primeiros meses de uso da aplicación

A app móbil Liña Verde de Tomiño naceu hai apenas seis meses co obxectivo de ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo co Concello usando as novas tecnoloxías. Hoxe xa se superan as 1.000 incidencias solucionadas a través desta aplicación, a maioría delas (68,7%) resoltas en poucos días.

As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relacionadas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer o 36% das incidencias resoltas. Séguelle xa de lonxe as peticións relacionadas co baleirado de fosas sépticas (13%), coas fochancas (11%) ou co lixo (10%). Neste seis meses tamén se deu solución a problemas relacionados coa limpeza de camiños (5%), coa vía pública (4%), coas escolas (3%) e coa sinalización viaria (2%), entre outros.

Este iniciativa virtual permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias da veciñanza, cun tempo de resolución que varía dependendo do problema e dos recursos dispoñibles. Así, por exemplo, as incidencias relacionadas co alumeado público resólvense nas primeiras 48 horas, mentres que no caso do baleirado de fosas sépticas pasa a ser de 3 ou 4 días e ou de entre unha e dúas semanas como máximo na limpeza de xardíns e zonas verdes.

Dende a posta en marcha desta iniciativa virtual xa se recibiron máis de 1.500 peticións por parte da veciñanza, das que arredor do 70% xa foron resoltas e outro 13% están en proceso.

Trátanse de datos moi positivos que poñen de manifesto a gran utilidade da aplicación e “a implicación e participación cidadá, o que permite á súa vez dar unha resposta rápida a calquera problemática que poida xurdir”. “A app Liña Verde converteuse nunha importante ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o Concello, o que nos permite coñecer mellor as súas necesidades e actuar dunha maneira máis eficaz, dando solución con celeridade ás incidencias”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salienta a adaptación do persoal municipal ao novo modelo de traballo. “Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa táblet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira da área, e ademais, pódense obter estatísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.

Dende o Concello anímase a toda a cidadanía a utilizar este novo servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai anos que inclúe a tramitación dixital a través do Xestiona e a comunicación dixital, moi importante no momento de crise sanitaria no que estamos, xa que evita que a veciñanza teña que facer trámites de xeito presencial á vez que se facilita o contacto e a resolución de problemas.

Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.