Tomiño terá fibra óptica practicamente en todo o municipio O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, manifesta a súa satisfacción polas novas obras, xa que estas darán opción a navegar con máis velocidade tamén á veciñanza do rural

O Concello de Tomiño vén de recibir constancia de que a  Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), da Xunta de Galicia, e a Administración Xeral do Estado, dentro do Plan de Banda Larga 2020 e o Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, que impulsan, respectivamente, van promover de xeito complementario co Concello de Tomiño, unha serie de despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, para tentar chegar a practicamente a totalidade dos barrios e parroquias do municipio.

A compañía R Galicia levou a cabo o pasado ano traballos de obra civil para a rede de distribución de fibra no núcleo urbano do Seixo e Goián, únicos lugares que dispoñen do servizo na actualidade.  Agora será o operador Telefónica o que, a través dunha subvención da convocatoria 2019 do programa estatal (para despregar fibra óptica antes do remate de 2021), leve a cabo as obras de despregamento necesarias para estender o servizo a case todos os núcleos de poboación (pódese consultar o detalle deste núcleos no ficheiro adxunto, ao final desta información.

Así mesmo, prevese que o Estado publique novas convocatorias de subvencións coas que os operadores poderán continuar co despregamento destas redes a aqueles sitios que queden sen cubrir.

Por outra banda, a Xunta vén de comunicar a posta en marcha dun novo proxecto de mellora das comunicacións móbiles no rural, cun investimento público de ata 5 millóns de euros. Esta iniciativa desenvolverase en colaboración coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP), que levará a cabo a divulgación entre os concellos para a súa colaboración na identificación de zonas con deficiencias e parcelas para a instalación da infraestrutura.

O concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto, manifesta a súa satisfacción polas novas obras de despregamento de fibra óptica, xa que estas darán a opción de navegar con máis velocidade tamén á veciñanza do rural, especialmente en zonas de difícil cobertura. Por outra banda, o edil informou que o edificio do Concello dispón xa deste servizo, co cal mellorou moito a calidade da navegación por internet e a realización de trámites a través da administración electrónica, pasando dos 30 MB de antes aos 350 de agora.