Tomiño, un concello comprometido coa compostaxe O municipio, dende a súa adhesión ó Revitaliza da Deputación, impulsou numerosas accións para fomentar o aproveitamento dos biorresiduos.

Tomiño segue apostando decididamente pola compostaxe para converterse nun municipio máis sostible. O Concello, a través do Revitaliza da Deputación, impulsou diversas accións relacionadas coa xestión descentralizada dos biorresiduos entre a veciñanza e os edificios municipais, o que pon de manifesto o seu compromiso pola compostaxe local como alternativa ao actual sistema centralizado de xestión dos residuos. O que constitúe ademáis unha das unha das actuacións máis importantes na aposta do Concello pola economía circular e a sostibilidade.

Neste senso, intenta facilitar a toda veciñanza a compostaxe, aportando composteiros individuais para cada vivenda con terreno ou caldeiros para cada vivenda en pisos. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, explica que durante o último ano “repartimos 2.000 composteiros individuais e instaláronse 16 centros comunitarios para dar servizo aos núcleos urbanos das parroquias de Tomiño e de Goián”, e “para os próximos meses estase planificando novas visitas por parte dos técnicos polas parroquias, por unha parte de reparto doutros 1.000 composteiros e por outra, de seguimento e asesoramento ós veciños e veciñas que xa compostan”.

Por outra banda, para a xestión de restos de poda, Tomiño ofrece á veciñanza un servizo de préstamo de biotrituradoras ou a opción de depositar estes restos nos dez puntos verdes distribuídos polas parroquias. Ademais, para reforzar a calidade e eficacia deste servizo, o Concello adquiriu un camión con guindastre cunha carga útil de máis de 6.500 kg. A concelleira explica que en Tomiño “queremos ir da man dos veciños e veciñas e facer da compostaxe un deber común”, e, por iso, “en vez de mercar trituradoras grandes, que terían que ser manexadas por persoal municipal, apostamos pola compra dunhas máis pequenas, tanto eléctricas coma de gasolina, e que estean a disposición da veciñanza cando o desexen”.

A concellaría tamén conta con dous mestres composteiros para reforzar o servizo e darlle un pulo definitivo a implantación da compostaxe en Tomiño. Entre as súas funcións están o control e xestión dos centros de compostaxe comunitaria; as tarefas de asesoramento e resolución de dúbidas, tanto do proceso de compostaxe como destes servizos asociados; o estudo de inclusión de pequenos produtores singulares (centros de día, cafeterías, restaurantes, etc.) na autocompostaxe e tamén o estudo da evolución deste cambio na xestión do lixo, cara un modelo local e descentralizado.