Tomiño únese ao “Reto” para aumentar a taxa de reciclaxe do colector amarelo Son 13 os municipios que participan na campaña de 2022, promivida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes. Os que consigan o reto recibirán un premio de 2.000 € para investir nunha causa social

Tomiño é un dos 13 municipios galegos que participan na campaña “Recicla, únete ao Reto” co obxectivo de mellorar os datos de quilos recollidos a través do colector amarelo.

Trátase dun reto proposto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases domésticos lixeiros en España), para aumentar a achega ao colector amarelo un 10% durante tres meses consecutivos, comparando estas achegas co mesmo período de tempo do ano anterior de cada municipio; é dicir, cada municipio compite consigo mesmo.

Os municipios que consigan mellorar a súa taxa de reciclaxe neste período, recibirán un premio de 2.000 € para investir nunha causa social, a elixir por cada Concello.

Para conseguir o obxectivo marcado, será fundamental motivar aos cidadáns informando sobre a importancia de separar correctamente os envases en orixe, para a súa posterior recollida selectiva e reciclaxe, sen depositar impropios en ningún caso.

Con este fin, dende o 1 de marzo ata o 31 de maio desenvolveranse diferentes accións nos 13 municipios participantes. O vindeiro mércores, 2 de marzo, comezaranse a instalar uns valos publicitarios coa imaxe da campaña en puntos estratéxicos do concello. Irase informando da campaña en redes sociais e un equipo de 2 promotores visitará distintos puntos de Tomiño co fin de tomar contacto co comercio e a hostalería, repartindo e instalando vinilos coa imaxe da campaña en escaparates, repartindo pulseiras de tea, e explicando aos cidadáns a campaña e a importancia da reciclaxe no colector amarelo para conseguir o reto.

Para máis información: https://uneteaoreto.com/