Tomiño únese para reivindicar dereitos e igualdade

Tomiño únese para reivindicar dereitos e igualdade Co gallo do 8M, corporación municipal, representantes de colectivos e veciñanza leron unha declaración institucional conxunta na que reclamaban o fin de todas as brechas de xénero

Rexeitar e denunciar este 8 de marzo e todos os días do ano todas as formas de desigualdade, perda de dereitos e violencia contra as mulleres. Eses son os obxectivos cos que neste Día Internacional da Muller tomiñeses e tomiñesas se uniron na lectura dunha declaración institucional conxunta na que representantes da Corporación municipal, do departamento de Benestar Social, Policía local, Garda Civil, Protección Civil, acuBam, Adeto, ANPAS, praceiros e praceiras, comunidade educativa, Asociación Vontade e da Asociación de Mulleres Rurais de Tomiño reiteraron o seu firme compromiso “coa igualdade plena entre mulleres e homes como condición imprescindible para avanzar como sociedade”.

“Hoxe en día seguimos constatando grandes desigualdades, recoñecendo as de sempre e asumindo que cos novos tempos chegan novos retos e novas formas de discriminación que se suman ás tradicionais”, como recolle a declaración. Novos modelos de desigualdade que tamén se dan no eido da innovación e da tecnoloxía, polo que é imprescindible “reivindicar dereitos, analizar os efectos da brecha dixital de xénero no crecemento das desigualdades sociais e económicas e erradicala ou protexer e abordar a violencia de xénero facilitada polas novas tecnoloxías, que supoñen un atentado á liberdade e integridade e funcionan como sistema de expulsión das mulleres da contorna dixital”.

 

Dende as Nacións Unidas lembran que o desenvolvemento dunha educación dixital inclusiva e dunha tecnoloxía transformadora é fundamental para un futuro sostible. Non obstante, o 37% das mulleres non teñen acceso a este novo mundo dixital e o 85% sufriron ou foron testemuñas da violencia dixital contra outras mulleres. Todo isto nunha realidade na que se calcula que no 2050 o 75% dos traballos estarán relacionados coas áreas STEM, pero no que hoxe as mulleres apenas ocupan o 22% dos postos en intelixencia artificial. “É imprescindible incorporar ás mulleres e ás meniñas á revolución dixital en condicións de igualdade”, sinalaron.

Unha brecha tamén salarial contra a que hai que loitar na actualidade en todos os eidos, porque en Galicia en igualdade de condicións as mulleres cobran un 19,1% menos, por riba da media estatal. Como se recollía na declaración, “precisamos mudar a nosa mentalidade” e seguir loitando para que as mulleres deixen de ser cidadás de segunda e acadar unha sociedade “libre, xusta e democrática”.

Neste camiño, os grupos políticos do Concello de Tomiño comprometéronse tomar diferentes medidas para acadar unha igualdade plena, efectiva e real, como realizar campañas permanentes de concienciación social e sensibilización; traballar na visibilización e posta en valor do traballo das mulleres en todos os eidos; colaborar cos centros educativos na posta en marcha de campañas que afonden na coeducación; recoñecer as achegas de mulleres rurais no desenvolvemento social e económico, así como daquelas dos ámbitos das ciencias, a tecnoloxía e as matemáticas; promover a corresponsabilidade e a conciliación; organizar campañas formativas para mellorar a empregabilidade das mulleres e mellorar iniciativas municipais destinadas á mellora da prevención, detección e abordaxe da violencia de xénero.