Tomiño vivirá unha primavera activa con máis de 20 propostas culturais para todos os públicos O Concello innova coa programación dando especial importancia a Semana da Educación, ao teatro, a danza e a cursos de formación para mozos e mozas

O Concello de Tomiño presentou hoxe a súa axenda cultural para os vindeiros meses baixo o lema de “primavera activa”. Unha nova gran aposta pola cultura e o lecer de calidade que, dende febreiro ata maio, permitirá aos veciños e veciñas desfrutar de máis de 20 propostas para todos os públicos que inclúen teatro, contacontos, varios obradoiros e a Semana da Educación como prato forte. A alcaldesa, Sandra González, destaca que con esta programación “ofrecemos actividades para todos os gustos ao tempo que poñemos en valor a nosa cultura e axudamos a transformar a sociedade educando en diversidade”.

A Semana da Educación será o evento con máis relevancia da axenda. Será do 7 ao 10 de febreiro no Auditorio de Goián e contará con catro conferencias para que docentes, persoas educadoras en xeral e pais e nais en particular acudan a informarse e formarse en diferentes temáticas relacionadas coa educación. 

A alcaldesa, Sandra González, explica que este ano “queremos que a Semana da Educación nos axude a transformar a sociedade educando en diversidade” e anima a veciñanza e aos e ás profesionais da educación da comarca a asistir a un evento totalmente gratuíto e ao que se poden inscribir a través da web do Concello

O teatro tamén será un dos grandes protagonistas da primavera activa de Tomiño con oito representacións, entre as que se inclúen contacontos para os máis pequenos e pequenas. O 20 de febreiro ás 17.30 h Baobab Teatro subirá ao escenario do Auditorio de Goián coa súa obra “Ás para Alex”, logo, o sábado 12 de marzo, será a quenda da obra “A señora de Forcadela”, o 13 de marzo do contacontos “Procúrase Pepa A Loba’, de Cris Collazo, o sábado 26 de marzo da obra ‘12 uvas, dúas mulleres e unha  oliva’, da compañía Olivas Negras, o sábado 23 de abril chega “O Furancho” de Ibuprofeno teatro e o domingo 24 abril “Estrafalaria” da Xarope Tulú. O 30 de abril será a quenda de “Antes de que llegue la bestia” da Compañía Ensalle e o 14 de maior pecharase o ciclo de teatro de primavera coa obra “Rilla, rilla” de Xarope Tulú. 

Durante a primavera activa o Concello tamén quere destacar, como unha das novidades deste ano, a aposta pola danza. “Leira” de Nova Galega Danza chegará ao Auditorio de Goián o sábado 5 de marzoa cunha función na que o corpo e a terra  estréitanse, que fala da dureza do traballo no campo en Galicia pero tamén da implicación, do esforzo e da beleza que supón . O sábado 2 de abril no espectáculo de danza “Pink Unicorns” de La Macana, o bailarín Alexis Fernández e seu fillo adolescente, Paulo, compartirán escenario nunha peza de danza contemporánea enérxica, terna e divertida, na que exploran as relacións e as diferentes etapas da vida, e o 3 de abril a compañía O baúl da Tía Lola presenta o espectáculo infantil “Lixo” para desfrute familiar,  aínda que pensado especialmente para nenos e nenas a partir de 2 anos.  Nel as dúas protagonistas, unhas bailarinas moi peculiares, vivirán unha  aventura na que teñen que crear cultura a través do lixo. As dúas comunícanse con pareados, móvense con pasos de ballet inventados por elas  mesmas e axúdanse das luces para crear diferentes atmosferas ao longo  de todo o espectáculo, dando así ritmo e rima a toda a obra.

A programación cultural da primavera activa tamén contará con cinema e música. O Grupo San Roquiño presentará o sábado 19 de marzo a súa longametraxe “A herdanza”, feita con humor, xira arredor de tres irmáns cunha inmensa fortuna pero sen descendencia a quen deixarlla. Mentres que a primavera activa rematará co concerto “Queremos galego” de Pablo Díaz, onde o cantante presentará algunha das cancións que xa son himnos para moitos rapaces e rapazas. Da súa man descubrirán que os animais falan, que as estrelas cantan, e que todo, todo, está cheo de música e felicidade

Nove obradoiros para a mocidade

O Concello de Tomiño tamén quere darlle unha gran importancia a formación da mocidade a través da OMIX. Por iso, programa durante estes meses nove cursos para que mozos e mozas poidan formarse en varias disciplinas. As primeiras formacións en comezar son a de iniciación a guitarra, o 2 de febreiro, e a de xaponés básico, o 5 do mesmo mes. En marzo, o día 1, o Concello ofrecerá un obradoiro de iniciación á cociña vegana sen glute, o día 4 un curso de autodefensa feminista e o 5 comeza o curso oficial de monitor monitora de tempo libre. En abril, o día 6, inicia un curso básico de pintura, e o día 8 terá lugar un obradoiro de videomapping. E en maio haberá dúas formacións máis: un curso de adestramento canino o día 14 e un monográfico de cestería o día 21. 

A inscrición a estes cursos poderá realizar a través da web do Concello de Tomiño durante estes meses. 

Paralelamente a toda a programación, o grupo de voluntarios da OMIX de Tomiño comezará o vindeiro 4 de febreiro un club de lectura infantil que se prolongará durante todo o curso escolar. Tamén celebrarán o día 11 de febreiro o Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia: Veciñas na ciencia cunha mesa redonda ou un directo en redes sociais con mozas científicas e nenas ás que lles gusta a ciencia, e o Día das Letras Galegas, 17 de maio, con varias actividades para promover o uso da nosa lingua.

PROGRAMACIÓN