Tomiño volve mollarse polos ríos participando na limpeza simultánea impulsada por Adega A actividade celebrarase o luns 26 de setembro ás 10.30 h co obxectivo de implicar ao alumnado tomiñés

Un ano máis o Concello de Tomiño implícase coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos. Será participando na iniciativa ‘Móllate polos ríos’, unha xornada de retirada de lixo á beira do río coa que se busca concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais do municipio como premisa para garantir a súa saúde. Nese camiño cara a sensibilización, o Concello celebrará este ano a xornada o luns 26 de setembro para acadar unha maior implicación do alumnado tomiñés.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza e a grupos ou asociacións a que se unan á vixésimo quinta edición desta iniciativa que en quendas anteriores mobilizou a miles de voluntarios e voluntarias e nas que se retiraron decenas de toneladas de residuos. Máis información na web do Proxecto Ríos.

A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello. Mentres, as asociacións e centros educativos que desexen implicarse poderán facer a súa inscrición a través do correo electrónico tecnica.medioambiente@tomino.gal ou chamando ao teléfono 986 62 20 01, extensión 6. Se algún grupo está interesado en participar outro día diferente, pode e debe comunicalo, para facilitarlle material e organizar a xestión do recollido.

Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e gorra e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.