Tomiño, xunto a outros concellos galegos, súmase ao manifesto “Cooperación contra o coroavirus” Quince gobernos locais que forman parte do Fondo Galego de Cooperación aprobaron xa o texto impulsado a nivel estatal pola Confederación de Fondos

Un total de 15 concellos galegos aprobaron xa o manifesto “Cooperación contra o coroavirus” que promove no eido estatal a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, da que forman parte nove fondos que representan a máis de 1.300 administracións locais, entre eles o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O texto sostén que “nun contexto global, abandonar aos países do Sur non é unha opción”, polo que unha vez superada a fase máis grave nos nosos territorios haberá que “axudar a outros pobos menos preparados para resistir os efectos da pandemia”.

Os concellos de Ames, Arteixo, O Barco, Bergondo, Cabanas, Cambados, Malpica, Moraña, Narón, Poio, Ponteareas, Sada, Sandiás, Silleda e Tomiño veñen de sumarse a esta declaración, mediante fórmulas como o acordo plenario, da Xunta de Goberno Local ou por Decreto de Alcaldía. No entanto, a través da web da Confederación, numerosos cargos electos se adheriron tamén de xeito individual, co obxectivo de visibilizar o apoio do municipalismo á cooperación internacional como instrumento necesario para responder ao desafío global xerado polo Covid-19. En xuño, o documento abrirase ás sinaturas da cidadanía en xeral, a fin de promover a defensa deste tipo de políticas públicas municipais.

O texto recoñece que “se non actuamos globalmente, o risco de que o virus rebrote ou de que aparezan novas pandemias será cada vez maior” pois “vivimos nun mundo hiperconectado”. Neste senso, a actuación dos fondos de cooperación “non só se limita á resposta sanitaria inmediata”, senón que fai fincapé en fortalecer as capacidades locais dos países máis empobrecidos para xestionar servizos básicos que lles permitan afrontar calquera crise.

Neste senso, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de aprobar o investimento de 98.126 euros para frear o impacto do coroavirus en Mozambique e Guinea-Bissau, a través de cinco proxectos que inciden na sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga ou a saúde da infancia. Ademais, recentemente puxo en marcha nas redes sociais a campaña #OsMunicipiosCooperan, para poñer en valor a solidariedade internacional desde o local.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.