Tres mil estudantes votan esta semana para elixir a mascota do festival transfronteirizo “Aventura na Terra da Amizade” Todos os centros de infantil, primaria e secundaria de Tomiño e Cerveira colaboran na realización da votación, promovida pola Eurocidade

“Mizi”, unha londra de río típica da zona; “Pinhas”, un esquío amigable e áxil ou “Minius”, unha criatura que representa os elementos naturais e culturais propios da fronteira entre Tomiño e Cerveira. Son as tres mascotas entre as que terán que elixir cerca de 3000 estudantes dos centros escolares de infantil, primaria, secundaria e bacharelato dos municipios ribeireños.

Organizada pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, a votación ten por obxectivo seleccionar a mascota do festival transfronteirizo “Aventura na Terra da Amizade”, cuxa segunda edición celebrarase no vindeiro verán. O profesorado dos centros educativos dun e outro lado da fronteira colaboran coa Eurocidade para levar a cabo as votacións nas distintas aulas e recoller as papeletas. O resultado coñecerase o día 30 de outubro.

A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil do Concello de Tomiño, Fátima Rodríguez, explica que o proceso se iniciou hai uns meses co convite a 13 estudos de deseño de Galicia e Portugal, para crear modelos de posibles mascotas, quedando coma as tres finalistas escollidas por un xurado as que agora se propoñen para a votación.

Trátase de “Mizi”, unha londra de río típica da zona, peculiar mamífero de graciosos movementos que habita entre a auga e a terra; “Pinhas”, que representa un esquío, un animal tenro, amigable e áxil que se pode avistar nas dúas localidades, cun xeito de vivir, actuar e moverse promove a curiosidade e as ganas de explorar a natureza, e “Minius”, criatura que representa os elementos naturais e culturais propios da fronteira entre Tomiño e Cerveira, coma as fortalezas, a Bienal de Cultura ou a Torre de Tebra.

O 31 de agosto de 2019 tivo lugar a primeira edición do festival. A xente de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, puido escoller entre decenas de xogos e actividades nun espazo natural coma o Parque de Lecer do Castelinho. “Trátase dun festival cun forte compromiso coa pegada ecolóxica a accións de concienciación ambiental, totalmente de balde e para todas as familias”, explica a concelleira.