
06 Nov Últimos días para achegarse ao xacemento romano de Currás, a través da mostra organizada polo Concello
A partir de paneis explicativos, vídeos e mostra das pezas arqueolóxicas máis representativas, a exposición permite ao visitante coñecer en detalle o traballo desenvolto no marco do convenio de I+D asinado polo concello de Tomiño e o Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, para a recuperación e posta en valor do xacemento situado no lugar dos Medos.
Segundo os expertos da Universidade de Vigo, os antepasados dos veciños e veciñas da parroquia, non vivían illados, senón en intenso contacto (a través do Mediterráneo, Exeo,e río Miño) coas principais urbes orientais do imperio, como o amosan os restos de importación atopados nas escavacións de 1972 e 2013 (vaixela fina, cerámica, viño, aceite, olivas, etc.), procedentes de países coma Italia, Turquía, Siria ou Palestina.
Tamén mantiveron unha estreita relación coa capital da rexión na aquela época, Bracara Augusta (actual cidade lusa de Braga), de onde traían tamén vaixela, viños e outros produtos e utensilios, que poden contemplarse ata o vindeiro domingo 9 de novembro, na Casa da Cultura tomiñesa (11 a 14 e 17 a 20 horas).