Últimos días para apuntarse ao xa tradicional Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández Organizado pola Eurocidade, o certame terá lugar o vindeiro domingo en ambas as dúas vilas, habendo xa máis de 40 persoas inscritas

A novena edición “Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández Eurocidade Cerveira-Tomiño”, reunirá unha vez máis a varias decenas de artistas plásticos de Galicia e Portugal.

Organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración do Concello de Tomiño e a Cámara Municipal de Cerveira, o certame terá lugar o vindeiro domingo 22 de agosto en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira.

Poderán participar todas as persoas maiores de idade e nenos e nenas ou mozos e mozas, acompañados por adultos, que serán os seus responsables en todo momento.

O tema será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar da páxina web da Eurocidade O procedemento e a técnica serán libres.

A obra deberá realizarse ao aire libre, do natural (non se permite a utilización de fotografías) e in situ. O incumprimento por parte dos participantes desta norma suporá a descualificación automática do concurso.

A inscrición é absolutamente gratuíta e poderá realizarse até o 20 de agosto (incluído) a través da páxina web da Eurocidade (https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades/) por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19, a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online, e non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame, como viña facéndose ata agora.

As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián (Tomiño), co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.

Os premios establecidos serán os seguintes:
Categoría adultos:
• 1º Premio: 1.500 euros.
• 2º Premio: 500 euros.
• 3ª Premio: 500 euros.
Categoría infantil:
• 1º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€.
• 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€.
Categoría xuvenil:
• 1º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 100€.
• 2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€

 

Poden consultarse as bases completas na páxina web do Concello de Tomiño (www.tomino.gal) ou na da Eurocidade Cerveira-Tomiño (www.eurocidadecerveiratomino.eu).