Un centenar de nenas e nenos asiste a clases interdisciplinares nas que aprende ciencia, robótica, sanidade e arte As clases comezaron o día 18 de xullo e estarán abertas até o venres 29 deste mes, nas instalacións do instituto Antón Alonso Ríos

O campamento urbano deste verán rompe moldes. O Concello de Tomiño ofrece unha actividade novidosa e sumamente atractiva, ademais de formativa, á que se apuntaron máis dun centenar de nenas e nenos de Tomiño e arredores.

As clases comezaron o día 18 de xullo e estarán abertas até o venres 29 deste mes, nas instalacións do instituto Antón Alonso Ríos. De luns a venres, de 9 a 14, os asistentes, divididos en grupos por idades (de 3 a 14 anos), pasan por varias actividades a cal máis interesante. Hai unha parte científico-tecnolóxico, na que nenos de poucos anos, constrúen robots tipo Lego e os programan por ordenador para ser autónomos, andar, xirar, detectar obxectos, executar ordes por voz. Aprenden tamén deseño e programación 3D, aeromodelismo e na segunda semana serán capaces de construír drons e pilotalos, así como de deseñar foguetes e proceder ao seu lanzamento e gravación.

Paralelamente, noutra aula, un grupo pon a proba a súa destreza mental con xogos de estimulación cognitiva, exercizos de lóxica, retos intelectuais ou unha partida de xadrez.

Preto de alí, outro grupo pinta ao óleo, debuxa ou fai collages, e fora, no parque nunha aula ecolóxica, fan teatro e expresión corporal, con actividades que estimulan a intelixencia emocional, lles preparan para falar en público, manter boas posturas corporais.

Por último, están os que fan exercizo físico no pavillón, con liberdade de elección e de xeito lúdico, ao tempo que aprenden e esperar, tolerar e compartir.

Por si todo isto fora pouco, hai clases de primeiros auxilios, nas que ensinan como face unha reanimación, tomar a tensión, medir o azucre en sangue, distinguir entre unha baixada ou unha subida de azucre ou reaccionar ante un atragoamento.

A proposta, completa e novidosa, é obra da Academia Galespace, de Ourense, formada por persoas graduadas en enxeñeiría aeronáutica, matemáticas, artes plásticas, teatro, educación física, enfermería, etc. Un grupo de profesionais, na súa maioría mozos e mozas, que ademais destas tarefas de divulgativas do verán, adícanse o resto do ano, con moita aceptación, á formación en empresas, institutos, escolas ou colectivos de maiores.

Ao fronte da empresa están Adrián Rodríguez, Samuel Abreu, Noelia Rodríguez, Puri Ferreira, Lucía González, Tamara Fuentes, Benito Rodríguez e Nuria Oliveira, esta última, en prácticas.