Un cento de persoas inician un novo camiño de oportunidades co Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal

Un cento de persoas inician un novo camiño de oportunidades co Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal As alcaldesas Sandra González e Ánxela Fernández inauguraron este vernes o programa Agroemprega xunto ao delegado territorial da Xunta, Luis López

Hoxe iniciades un camiño de oportunidades, un camiño apaixonante que abrirá novas portas a todas e todos”. Así daba a benvida a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal, Agroemprega, un proxecto posto en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal que formará a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural.

O auditorio de Goián acolleu este venres o acto inaugural do programa, no que a rexedora tomiñesa xunto á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e ao delegado territorial da Xunta, Luis López, quixeron animar a todas e todos os participantes a aproveitar a oportunidade de desfrutar de 300 horas de formación moi completa, de balde e dende distintas perspectivas, como as técnicas de coaching, a intelixencia emocional ou o apoio ao emprendemento. “Sabemos que no sector agro hai novas oportunidades de emprego. E temos moitas esperanzas postas en que con esta formación teñades máis facilidades para atopar un emprego de calidade e un futuro nos nosos concellos”, salientou González.

Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal destacou que “o sector agrícola é a nosa marca, a nosa identidade, e sen dúbida un sector estratéxico”. “É un dos sectores cunha menor taxa de desemprego e unha maior taxa de ocupación nos últimos meses, o que evidencia a importancia que ten para o noso territorio. Pero tamén é fundamental en termos de riqueza, de asentamento poboacional ou de redución de fenda de xénero, xa que a evolución da empregabilidade feminina no sector  demostra que investir e apostar polo agro é investir e apostar pola igualdade, pola conciliación e pola corresponsabilidade que desexamos”, recalcou a rexedora.

Durante o acto as dúas alcaldesas quixeron poñer en valor a importancia da colaboración entre dous concellos para poñer en marcha proxectos “que vemos que dan os seus froitos” e agradecer o gran traballo feito polas técnicas de Tomiño e do Rosal, que se implicaron para crear o proxecto e poñelo en marcha.

O delegado territorial da Xunta, Luis López, quixo felicitar ao concellos de Tomiño e do Rosal pola calidade do proxecto presentado ao Programa Integrado de Emprego de Galicia e resaltar “os bos resultados obtidos ao recorrer a unha fórmula de cooperación entre concellos e entre administracións”. López explicou a aposta da Xunta por fomentar a empregabilidade feminina e agradeceu a alta presenza de mulleres participantes no programa, ademais de vaticinar moi bos resultados durante estes meses de formación. “Estou convencido de que todas e todos vós superaredes con creces o obxectivo de inserción do 35% marcado no proxecto”, recalcou.