Un deseño coa cara de Rosalía de Castro e o lema “Únete á resistencia” gaña o certame da camiseta das Letras Galegas de Tomiño Saskia Díaz Castro, veciña de Sobrada e graduada en Relacións Laborais, foi a gañadora do concurso, no que participou unha duzia de mozos e mozas

Un deseño en cor vermella coa cara da poeta e escritora galega Rosalía de Castro, rodeada dos nomes das parroquias de Tomiño, e co lema “Únete á resistencia”, en alusión á loita pola supervivencia do idioma galego, fíxose co premio do Certame de Deseño de Camiseta para as Letras Galegas 2020, convocado polo Concello.

A gañadora desta edición chámase Saskia Díaz Castro, é de Sobrada (Tomiño), e ten 27 anos. Graduada en Relacións Laborais e Recursos Humanos, participou xunto a outros doce mozos e mozas que enviaron os seus deseños para probar sorte. Saskia enterouse do concurso a través dun amigo que forma parte do grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño e que compartiu a publicación por un grupo de WhatsApp. Así comezou a facer un deseño inspirado na serie La Casa de Papel.

O deseño, libre e aberto, tiña que estar relacionado coa lingua e/ou literatura galega. Os membros do xurado, do grupo de Voluntariado da OMIX, valoraron que fora un deseño atractivo, inspirado e relacionado coa promoción e posta en valor do idioma galego. Os organizadores agradecen a participación xuvenil que cada ano se produce neste certame.

As camisetas serán repartidas de balde (unha unidade por persoa) entre as clientas e clientes que acudan á libraría tomiñesa NOVIDADES para mercar UN LIBRO EN GALEGO, a partir do 17 de maio.