Un documental das “traídas de augas” abre a Semana do Medio Ambiente de Tomiño No mercado municipal pode visitarse dende hoxe e até o domingo 6 as obras presentadas ao concurso “Como ves ti as árbores senlleiras de Tomiño?”

A estrea do documental “Da nosa man. As traídas de auga de Tomiño”, marca mañá o comezo dos actos organizados polo Concello, baixo o lema Tomiño Natural, para conmemorar o Día Internacional do Medio Ambiente.

Ás 20.30h a cinta será subida ao Facebook do Concello, e no Auditorio de Goián terá lugar a presentación do traballo ás directivas das traídas, con acceso restrinxido. O acto contará coa presencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do presidente de COXAPO (Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra), Juan Joaquín Pousa.

O vídeo, no que participaron unhas 25 persoas relacionadas coas comunidades de augas veciñais, amosa a historia das chamadas traídas de auga de Tomiño, da man dalgunhas das persoas que as fixeron posibles a partir dos ’70, desenvolvendo un traballo heroico; exemplo da boa xestión comunitaria dun ben común sen axuda, daquela, das administracións. 

O traballo pretende ser unha homenaxe do Concello á xestión veciñal en man común da auga das 36 comunidades de augas existentes na actualidade en Tomiño, e das que se sirve máis dun terzo dos seus habitantes. 

As Concellerías de Medio Ambiente e de Servizos Públicos, uníronse para a organización desta primeira Semana do Medio Ambiente, vertebrada polo impulso da compostaxe como forma de reducir os residuos e pola mellora integral das augas.

Por outra banda, a partir de hoxe e até o día 6, pode visitarse no primeiro andar do Mercado Municipal a exposición das obras presentadas ao concurso “Como ves ti as árbores senlleiras de Tomiño?”. A mostra reúne unha escolma de relatos e outras obras artísticas (pinturas, colaxes, etc.) nas diferentes categorías convocadas (benxamín, xuvenil e persoas adultas).

Resto de actividades programadas:

O xoves 3 de xuño haberá dúas actividades principais. Ás 17.00 horas, plantación de árbores autóctonas a cargo do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas”, e ás 20.30h no Facebook do Concello, “Conversa sobre alternativas para o tratamento e depuración das augas”, coa alcaldesa; o enxeñeiro experto en enerxías renovables e tratamento de augas residuais, José Luis Peraza, e a xefa de servizo de Aqualia en Tomiño, Marián Lago.

O programa continúa o venres 4 de xuño con outra conversa a través das redes do Concello (Facebook); neste día falarán sobre a compostaxe Ana Belén Casaleiro, concelleira de Medio Ambiente; Carlos Pérez, químico asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, e Sandra Alonso, mestra composteira.

O sábado 5 de xuño será o día grande da Semana, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente. Na Praza do Seixo haberá xogos e talleres infantís (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h) a cargo da Granxa Escola Corazón de Carballo, cunha temática vinculada ao Medio Ambiente e a riqueza natural de Tomiño. Sorpresas e agasallos relacionados co medio ambiente e a sustentabilidade para as persoas que se acheguen.

Ademais, ás 12.00h efectuarase a entrega de premios do concurso “Como ves ti as árbores senlleiras de Tomiño?”.

Por último, dende o mércores 2 de xuño até o sábado 5, haberá na Praza do Seixo un posto de información sobre compostaxe e reciclaxe, a cargo da Asociación Ecoloxista Amigos da Terra, con horario de tarde, de 18.00 a 20.00 horas, excepto o mércores que tamén estará de mañá. En Goián o posto informativo estará o día 3, entre as 11.00 e as 13.00 horas, coincidindo co mercadiño ambulante.