UNANIMIDADE PARA PEDIR A REDUCIÓN DO IVE AO SECTOR DA PLANTA ORNAMENTAL E FLOR CORTADA

A CORPORACIÓN LOCAL DE TOMIÑO ACORDA POR UNANIMIDADE PEDIR A REDUCIÓN DO 21% DO IVE QUE O ESTADO APLICA AO SECTOR DA PLANTA ORNAMENTAL E FLOR CORTADA

Na sesión ordinaria celebrada onte aprobouse tamén asumir o custe total do servizo de teleasistencia

A corporación local do Concello de Tomiño aprobou onte por unanimidade a moción, presentada polo Grupo Municipal do BNG, sobre a redución do 21% do IVE que se aplica ao sector da floricultura, plantas ornamentais e silvicultura.

Segundo o texto aprobado, o Concello tomiñés, instará á Xunta de Galicia a que demande do goberno do Estado a redución do IVE, do 21% actual ao 8%, como se fai no resto de Estados da U.E., e impedir así a competencia desleal, o desmantelamento deste sector económico fundamental na economía do municipio e a perda de postos de traballo. A alcaldesa, Sandra González, indicou que a moción aprobada onte segue a liña da presentada a nivel nacional pola deputada Olaia Fernández e a xustificou referíndose á importancia que este sector “fundamental e estratéxico ten na economía do noso municipio”.

Tamén por unanimidade se aprobou inicialmente unha ordenanza referida á teleasistencia, segundo a cal, o Concello asumirá o custe do 33% que, segundo a lei, terían que aportar os usuarios do servizo, unhas 30 persoas na actualidade.

Asemade, a corporación aprobou por maioría, lembrar á Xunta as débedas que aínda ten coas comunidades de montes, correspondentes ao valor das expropiacións realizadas para a construción do vial de alta capacidade Tui-A Guarda. Esta proposta da Alcaldía contou co apoio de todos os concelleiros, a excepción de Fernando Álvarez Fernández, concelleiro do grupo de “non adscritos” e portavoz municipal de Centristas de Tomiño (CdT), que se abstivo.

Tamén por maioría aprobouse a modificación de crédito necesaria para afrontar o financiamento das obras de remodelación da Praza do Seixo. Este punto aprobouse cos votos a favor dos concelleiros do Grupo Municipal do BNG, máis os de José Antonio Souto (CDL) e Mercedes Tasende (non adscrita e ex-concelleira do PP). Os edís do PP e PSOE abstivéronse, e Fernando Álvarez (non adscritos e portavoz de CdT) votou en contra.

Por último, o goberno local acordou iniciar expediente de resolución do contrato para a recollida de lixo que o Concello ten na actualidade coa empresa Urbaser, por “incumprimento das obrigas esenciais por parte da concesionaria”.