Unha autenticidade que fai de Galicia Suroeste unha oferta turística ‘Única’

Unha autenticidade que fai de Galicia Suroeste unha oferta turística 'Única'

Unha autenticidade que fai de Galicia Suroeste unha oferta turística ‘Única’

O xeodestino presentou en FITUR unha campaña que amosa unha oferta singular que destaca pola súa autenticidade e por reunir nun mesmo destino aquilo que non existe en ningún outro lugar de Galicia

Galicia Suroeste da un paso máis, reforzando a cooperación entre concellos e aposta por un destino máis sostible, competitivo e único

 

Galicia Suroeste participa un ano máis en FITUR, a feira internacional de turismo máis importante do Estado, cunha presentación oficial da súa nova campaña turística Única”, unha proposta que reivindica a singularidade, diversidade e autenticidade deste territorio situado entre o Suído, o Miño e o Atlántico.

O acto contou coa intervención de Sandra González, presidenta de Galicia Suroeste e alcaldesa de Tomiño, quen destacou o papel estratéxico da cooperación municipal para consolidar un destino competitivo e recoñecido. González subliñou que “Galicia Suroeste é un territorio con identidade propia, cun patrimonio natural e cultural excepcional, e cunha oferta turística que aposta pola calidade, a sustentabilidade e a experiencia auténtica. É un lugar onde o tempo se detén para escoitar o rumor das marxes do Miño, onde cada camiño conta unha historia e cada mirada atopa un horizonte novo. Somos un destino que se constrúe desde a emoción e desde a verdade”.

Tamén participou Ánxela Fernández, recentemente incorporada como nova representante institucional do Xeodestino, quen puxo o foco na importancia de reforzar a presenza do territorio en espazos profesionais como FITUR. Sinalou que “a campaña ‘Única’ é unha chamada a descubrir un destino que non se parece a ningún outro, onde cada visitante pode atopar unha experiencia persoal, próxima e inesquecible. É  máis ca unha campaña: É a maneira que temos de dicirlle ao mundo que aquí todo é distinto, que cada recuncho garda un segredo e cada experiencia deixa unha pegada que non se esquece”.

A campaña “Única” preséntase como unha ferramenta de promoción que integra natureza, patrimonio, gastronomía, cultura e tradicións, cunha narrativa visual e emocional que busca posicionar Galicia Suroeste como un destino imprescindible e que non ten igual, dentro da oferta turística galega.

A presentación rematou coa proxección do audiovisual “Única” ao que deron paso conxuntamente Sandra González, Ánxela Fernández e a xornalista tudense que presentou o acto, Paula Montes. Tras o vídeo, tomou a palabra o Delegado do Goberno en Pontevedra, Pedro Blanco Lobeiras, quen se dirixiu ao público para dar por finalizada a presentación. A todas as persoas asistentes, que amosaron o seu interese polo destino Galicia Suroeste, se lles fixo entrega dun agasallo, consistente nunha peza única, deseñada pola xolleira e artesá de Oia, Areladefé realizada especialmente para a presentación da campaña  en FITUR.

A presentación tamén contou coa presenza das alcaldesa e alcaldes do territorio; Digna Rivas, de Redondela; Paco Ferreira, de Gondomar; Juan González, de Nigrán e Enrique Cabaleiro, de Tui; así como das concelleiras Sara Cebreiro e Julia Loureiro, de Mos; Ana Núñez, de Tui; Rocío Goberna, de Gondomar; Rita Pérez, de Redondela; e Silvia Cernadas, de Soutomaior.

Durante a feira, o Xeodestino mantivo encontros profesionais con axentes do sector, operadores turísticos e medios especializados, co obxectivo de fortalecer alianzas e abrir novas vías de promoción conxunta.

A campaña promocional, así como o acto de presentación contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do convenio de colaboración entre Galicia Suroeste e a Axencia de Turismo de Galicia, para a promoción e a dinamización do Xeodestino.