Unha das mellores agrupacións valencianas encabeza o cartel do Encontro de bandas de música de Goián A alcaldesa recibirá este mediodía no Concello á Banda Societat Musical La Primitiva de Rafaelbunyol e as actuacións comezarán as 21.00 horas no Espazo Fortaleza

Todo está preparado para a celebración dunha das grandes citas musicais do ano na comarca do Baixo Miño. Dende as 21.00 horas desta noite o Espazo Fortaleza de Goián acolle o XXIII Encontro de bandas de música de Goián. Para celebrar os 23 anos do evento, chega nesta edición unha das mellores agrupacións da Comunidade Valenciana a Banda Societat Musical La Primitiva de Rafaelbunyol, dirixida por Ángel Escutia Martínez. Esta agrupación, que ten máis de 150 anos de historia, recibiu nos últimos anos numerosos galardóns, entre os que destaca o que acadou no 2017, cando foi gañadora da sección primeira do certame internacional de bandas de música ‘Ciudad de Valencia’. La Primitiva está a levar a cabo un intercambio musical coa Agrupación Musical de Goián. Chegaron hoxe a Tomiño e, ademáis de actuar hoxe no Encontro de bandas de música de Goián, quedaranse ata a próxima semana no municipio. A agrupación goianesa partirá cara Valencia o próximo ano.

Os actos institucionais comezarán xa ás 13.00 horas no salón de plenos do  Concello de Tomiño onde a alcaldesa, Sandra González recibirá oficialmente á banda valenciana, a invitada estrela desta edición . A parte musical propiamente dita arrancará ás 21.00 horas no Espazo Fortaleza coa actuación da banda de música de Catoira, dirixida polo mestre Carlos Filgueira. Despois será o turno da Banda Societat Musical La Primitiva de Rafaelbunyol e pechará o certame o anfitrión, a Agrupación Musical de Goián. En caso de choiva, as actuacións trasladaranse ao auditorio de Goián.

O evento, organizado pola Agrupación Musical de Goián coa colaboración do Concello de Tomiño e a Deputación de Pontevedra, naceu co obxectivo de ser un lugar de encontro e intercambio musical e cultural que afiance as boas relación entre diferentes agrupacións musicais e xenere un enriquecemento fruto de esta boa relación entre as agrupación participantes. Co Río Miño de fondo, o Espazo Fortaleza de Goián é a ubicación idónea para a celebración deste encontro grazas a importancia histórica e cultural do entorno da antiga Fortaleza de San Lourenzo e que constitúe un marco incomparable para disfrutar da boa música.