Unha ducia de premios para galardoar o deporte tomiñés

Unha ducia de premios para galardoar o deporte tomiñés Os piragüistas Ainhoa Bareriro e Manu Ochoa, mellores deportistas absolutos na VI Gala do Deporte de Tomiño. David Mella, campión do mundo de paracanoe, acadou o premio afán de superación

Protección Civil e Fibra Lar recibiron tamén un recoñecemento polo seu labor e pola súa aposta a prol da dinamización

 

A Gala do Deporte de Tomiño celebrou esta fin de semana a súa sexta edición con moitas gañas de recoñecer a todas aquelas e aqueles deportistas, clubs, asociacións, entidades e empresas que achegan o seu gran de area para levar o deporte tomiñés ao máis alto. Despois de tres anos sen poder celebrar este evento, o auditorio municipal de Goián ateigouse de público para recoñecer o traballo dos e das deportistas de Tomiño ao longo do último ano.

A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Francisco Campo, entregaron algúns dos premios da noite, unha ducia de galardóns en diferentes categorías que foron dende os e as mellores deportistas ou promesas ata o premio de afán de superación ou o recoñecemento ás entidades ou patrocinadores.

“É un orgullo ver a dedicación das nosas e nosos deportistas, o seu esforzo diario para acadar metas e levar o nome de Tomiño máis alá do noso concello. Por iso non podemos máis que agradecerlles o seu traballo, igual que o de todas as persoas que fan posible que o deporte de base sexa máis importante cada día”, sinalou a rexedora.

Unha ducia de premios para galardoar o deporte tomiñés

Os piragüistas Manu Ochoa e Ainhoa Barreiro foron recoñecidos durante a gala como mellor deportista masculino e feminino, respectivamente, polos innumerables éxitos que ambos os dous recolleron durante o 2022. Pola súa banda, Javier Freiría, subcampión de España no campionato de fondo en SKIFF cadete, facíase co premio ao mellor promesa masculina e a judoka Zaira Lamas co premio mellor promesa feminina.

Por primeira vez, o Concello de Tomiño concedía nesta Gala do Deporte o premio Afán de superación, un galardón que recaeu en David Mella, canoísta que tras unha lesión de médula volveu ao río co piragüismo adaptado e logrou coroarse como campión do. mundo de paracanoe na modalidade VL1. Ademais, Pablo Durán e Emilio Rodríguez recolleron a mención especial Deportista 2022 e Javier Sierpes o premio ao mellor adestrador. O galardón ao mellor club recaeu no Goián CF e ao mellor club de base na Sociedade Atlética do Trega.

Durante a gala tamén se recoñeceu a Protección Civil de Tomiño como entidade colaboradora co deporte pola súa colaboración indispensable en cada evento deportivo e compartir os valores de solidariedade, compañeirismo e xenerosidade que abandeira o deporte. Por outra banda, a empresa Fibra Lar recibiu o premio Patrocinador por protexer e axudar á dinamización do deporte nestes tempos tan difíciles.

O concelleiro de Deportes salientou a presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral na gala para render homenaxe a todas as persoas deportistas de Tomiño e lembrou “a vontade do Goberno municipal de continuar premiando ao deporte tomiñés para por en valor o esforzo que cada día levan a cabo clubs e deportistas da vila”.