Unha nova fábrica de atún en conserva solicita a colaboración do Concello de Tomiño para a difusión do proxecto A empresa funcionará en Vila Nova de Cerveira e suporá a creación de 300 postos de traballo

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Antonio Tartaglione, recibiu no Concello a Laura Pernas, Responsable de Organización e Persoas de Atunlo e a Joao Gonçalves, Director de Proyecto de Central Lomera Portuguesa, unha nova fábrica de elaboración de lomos de atún precocidos destinados á conserva que, en breve, abrirá as súas portas no polígono industrial de Fulão, na localidade transfronteiriza de Vila Nova de Cerveira.

Trátase da futura Central Lomera Portuguesa, que comezará a funcionar no mes de xullo próximo, e suporá a creación paulatina de 300 postos de traballo.

A nova firma ten o respaldo de empresas consolidadas coma Marfrío e Atunlo e significará o investimento de 7.000.000 de euros.

As instalacións, de 6500 metros cadrados, adicaranse á elaboración de lomos de atún destinados ó mercado de alta gama e terá una capacidade de elaboración de 100 toneladas diarias.

Durante o encontro cos responsables municipais, os responsables da nova fábrica, explicaron en detalle as características da empresa, e solicitaron a colaboración do departamento de Emprego do Concello na difusión do proxecto.

A alcaldesa, pola súa banda, acolleu a iniciativa empresarial con satisfacción e comprometeuse derivar ás persoas interesadas que se dirixan ao Concello en busca de emprego.

Na reunión, os responsables da fábrica explicaron que o perfil do persoal a contratar, é bastante amplo e, no caso dos operarios e operarias, non require formación previa, xa que esta correrá a cargo da empresa. Tamén seleccionarán técnicos de mantemento, calidade e recursos humanos, entre outros.