Unha postal polo Nadal personalizada para case 700 maiores de Tomiño

Unha postal polo Nadal personalizada para case 700 maiores de Tomiño Un ano máis, ‘Voces Novas’ pon en marcha unha iniciativa que busca achegar o seu cariño ás persoas maiores e na que colaboran todos os centros de ensino do concello

O Nadal chega cheo de agarimo, ilusión e postais para as persoas maiores de Tomiño. Case 700 maiores do concello recibirán por correo unha postal personalizada de Nadal e Aninovo deseñada, creada, escrita e enviada polo alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do municipio.

O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, pon en marcha un ano máis unha nova edición de ‘Unha postal polo Nadal’, unha iniciativa que naceu durante a pandemia co obxectivo de que nenos e nenas  “puideran facer chegar todo o seu cariño ás persoas maiores de Tomiño nun momento tal delicado como o que estabamos a pasar”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.

A grande acollida que tivo esta iniciativa entre a xente moza fixo que o proxecto, que se pensou inicialmente para realizar coas residencias do concello, se estendera finalmente ao resto de persoas maiores do municipio, chegando tamén a todos os fogares no que vivan maiores de 85 anos. Os centros que participan nesta iniciativa son o CEP Pedro Caselles Beltrán, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CEIP de Tebra, CEIP de Barrantes e IES Antón Alonso Ríos.

Como sinala a concelleira, “esta actividade pode levarse a cabo grazas á gran colaboración de todos os centros de ensino de Tomiño, que reservan sesións para que o alumnado escriba unhas postais que sabemos que enchen de ilusión ás nosas e nosos maiores”. Un traballo enorme que non sería posible sen a participación de un gran número de persoas ás que o Concello quere agradecer un ano máis o seu compromiso e colaboración desinteresados.

En total case 700 tarxetas pintadas e decoradas con diferentes técnicas nas que se incluíron ademais mensaxes personalizados para cada unha das persoas que recibirán as postais. Rodríguez anima a todas as persoas remitentes a responder a estas tarxetas feitas con agarimo, “algo que sabemos que tamén lles gustará aos nosos nenos e nenas”.

Tomiño é unha das Cidades Amigas da Infancia recoñecidas en Galicia por UNICEF. Un dos requisitos para conseguir esta distinción foi precisamente contar cun Consello da Infancia e Adolescencia comprometido co futuro do seu municipio e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, que inclúen desde a eliminación da pobreza ata a loita contra o cambio climático.