Unha trintena de comercios forman a ruta Nadal+Nadal organizada polo Concello En cada local hai unha urna na que os clientes que realicen compras entre o 9 e o 24 de decembro, por un valor superior a 20€ e máximo de 100€, poidan entrar no sorteo de vales de compra. Hai nada menos que un total de 3000 euros en xogo

Unha trintena de comercios de Tomiño participa na “Campaña de Nadal + Nadal 2021. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre, organizada polo Concello co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade e promover ao mesmo tempo o consumo nos establecementos locais.

A Campaña ten como beneficiarios aos propios comercios e servizos da vila como aos clientes que realicen compras nos mesmos entre o 9 e o 24 de decembro de 2021.

A maioría das casas comerciais concentraron os seus esforzos na decoración dos escaparates, aínda que outros optaron pola decoración dos locais completos, utilizando como base elementos naturais como madeira, ramas, palla, etc.

Os comercios e servizos adheridos á campaña conforman a “Ruta Nadal+Nadal” e entran no concurso de premios á mellor decoración, con premios de 500 euros (1º premio mellor escaparate e 1º premio mellor local) e de 250 euros (2º premio mellor escaparate e 2º premio mellor local), sumando 1500 euros en total.

O xurado estará composto por 2 representantes do comercio local, 1 representante do Concello de Tomiño e 2 artistas locais. O fallo emitirase o día 30 de decembro de 2021 ás 20.30h no salón de plenos do Concello de Tomiño.

Por outra banda, en cada local participante instalarase unha urna na que os clientes que realicen compras entre 9 ao 24 de decembro de 2021, ambos inclusive, por un valor mínimo de 20€ e máximo de 100€, poidan depositar o seu tícket de compra. Os propietarios dos tíckets que resulten premiados recibirán un vale de compra polo dobre do valor do tícket depositado. Hai nada menos que un total de 3000 euros en xogo.

Os vales premiados poderán ser empregados en calquera dos comercios e servizos participantes na “Ruta Nadal+Nadal” entre o 29 de decembro do 2021 e o 6 de xaneiro do 2022.

Os vales de compra estarán a disposición dos premiados nos oficinas do Concello de Tomiño desde o día 29 de decembro de 2021 ata o día 5 de xaneiro de 2022 en horario de 9 a 14 horas.