Unha vida chea de imprevistos con Daniel Pino no Outono de libros de Tomiño

Unha vida chea de imprevistos con Daniel Pino no Outono de libros de Tomiño O tomiñés presenta este venres 21 no Mercado de Tomiño (20.00 h) o seu libro ‘As casualidades necesarias’

Unha ollada sen complexos sobre o presente e o pasado dun pobo. Así é ‘As casualidades necesarias’, o último libro do tomiñés Daniel Pino que presentará este venres 21 de outubro ás 20.00 horas no Mercado de Tomiño ao abeiro do programa ‘Outono de libros’.

Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, será “un orgullo presentar a obra dun tomiñés tan recoñecido como Daniel Pino, que xa foi homenaxeado na décima edición do Acto Cívico do Alivio no ano 2016”. “É unha ledicia contar neste programa literario a este sociólogo e urbanista de recoñecido prestixio nacional e internacional cun gran coñecemento da xeografía rural e urbana, unha das súas paixóns, e que nos sorprende cunha nova faceta, a da escrita de ficción”, destaca a rexedora.

O escritor ofrecerá ao público unha charla aberta na que afondará sobre o seu último libro, unha novela chea de acontecementos imprevistos na vida de todos os personaxes na que todo xurde arredor dunha muller, Helena Casal, que presenta nun xogo de azar e necesidade tipos e arquetipos que esconden e delatan unha fonda introspección sociolóxica sobre a realidade dun pobo na que o positivo e o negativo se entrecruzan nunha interminable relación dialéctica.

Nado en Forcadela en 1943, Daniel Pino estudou Ciencias Políticas, Económicas e Socioloxía na Universidad Complutense de Madrid. Tería acabado a carreira con apenas 20 anos por terse matriculado dos dous últimos cursos nun ano, pero unha detención por parte da Brigada Político Social levouno á cadea e o Tribunal de Orde Público condenouno a 5 anos de prisión. Co-creador dunha consultora de urbanismo que dirixiu durante 30 anos, Pino foi Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo durante catro anos e durante a súa longa vida profesional dirixiu e coordinou máis de 150 plans de urbanismo e ordenación territorial en Galicia e noutras partes de España, algún deles con importantes premios. En solitario ou en colaboración ten escrito máis dunha vintena de libros e múltiples artigos relacionados coa súa profesión, aínda que hoxe en día dedícase case por completo á escrita de ficción.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar un venres máis do Outono de libros e da literatura dun xeito próximo, coñecendo de primeira man a escritoras e escritores tomiñeses e da comarca e “descubrindo verdadeiras xoias literarias que se agochan moi preto de nós”.

A presentación será ás 20.00 horas e de balde, con entrada libre ata completar aforo.