Unha vintena de persoas maiores pechan outro ano de actividades cunha xornada en contacto coa natureza A granxa escola Corazón de Carballo ofreceulles visitas guiadas e un taller de musicoterapia

As máis de 20 persoas que participan no programa de maiores organizado polo Concello de Tomiño, co apoio da Deputación Provincial, pecharon o curso 2019-2020, cunha xornada en contacto coa natureza, que compartiron ademais con usuarios e usuarias do Centro de Día.

A granxa escola “Corazón de Carballo” de Tomiño foi o enclave elixido esta vez para pasar unha xornada diferente, que comezou sobre as once da mañá cun taller de musicoterapia, no que logo de ensinarlles instrumentos musicais de todas partes do mundo, proxectaron vídeos coa música doutros países. Máis tarde, eles mesmos tocaron varias melodías con instrumentos de percusión (pandeiro, conchas, cascabeis, etc.) e por último, interpretaron cancións galegas tradicionais.

Da man de Bibiana Álvarez Magallanes, psicopedagoga a cargo do programa de maiores  “Reactívate”, os usuarios e usuarias desfrutaron dunha merenda a base de sandía e biscoito caseiro. A continuación, divididos en dous grupos, uns foron a ver os diferentes tipos de aves da granxa, a Aula da Natureza, cunha fermosa colección de elementos, e os outros visitaron a horta, os demais animais e realizaron unha divertida actividade a base de refráns.

Sobre las 14.00, comida elaborada especialmente no establecemento, e a partir das 15.30 continuaron as actividades, até as 17.00 horas.

Durante o curso, as persoas maiores do programa “Reactívate” fixeron 4 actividades principais: estimulación cognitiva, informática, xerontoximnasia e actividades específicas, dous días á semana, nas instalacións do Centro Vontade.

A xornada en Corazón de Carballo, cos anfitrións Xosé Martínez e Diana Balboa (musicóloga especializada en Lisboa e Oxford) e o resto de monitores, foi unha boa oportunidade para afianzar as súas aptitudes físicas e intelectuais, con momentos de convivencia e de expresión artística que fan deste programa unha opción moi atractiva.

A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, salienta a importancia de que as persoas maiores do concello, teñan unha boa calidade de vida, mantendo as súas capacidades no mellor nivel posible e fomentando unha boa autoestima e sociabilidade.