Unha vintena de tomiñesas aprenden recursos de internet para mellorar a súa competitividade laboral Organizado polos servizos de Igualdade da Deputación de Pontevedra e do propio Concello, o obradoiro estenderase até o mes de decembro

“Competencias dixitais na busca de emprego e nas relacións coas administracións” é o nome do curso que, con aforo completo e lista de agarda, comezou este luns en Tomiño.

Organizado polos servizos de Igualdade da Deputación de Pontevedra e do propio Concello, o obradoiro está dirixido a mulleres en paro o en na busca de mellora de emprego.

A acción, totalmente gratuíta, impartirase en tres grupos de seis perdoas, co fin de garantir a seguridade das participantes, que asistirán a clase dúas veces por semana, a razón de 2,5 horas por sesión, na sede da antiga Escola Obradoiro de Goián, recentemente rehabilitada.

As clases estenderanse até o 12 de decembro en diferentes horarios, de mañá ou tarde, contando neste último caso, con servizo de canguros, de balde, para as nais que o necesiten.

A presentación da actividade tivo lugar o pasado venres e estivo a cargo da responsable da Oficina Municipal de Igualdade de Tomiño, Silvia Rodríguez, e do profesor a cargo do programa, Jose Fonterosa, con longa experiencia en formación en temas de informática e internet.

Segundo explicou a primeira, a acción ten coma obxectivo paliar a división sexual do traballo, é dicir, as dificultades de acceso e permanencia no mercado laboral das mulleres respecto dos homes, existente na nosa sociedade. “Sobre todo en tempos de crise, esta diferencia se agudiza aínda máis; por iso queremos axudarvos a paliar este desequilibrio no punto de partida ao acceso ao mercado laboral”, explicou a técnica.

Jose Fonterosa, pola súa banda, avanzou o programa teórico-práctico a desenvolver, que incluirá diferentes temas relacionados con internet. Enviar un correo electrónico a un organismo, navegar por páxinas webs dunha administración; obter a vida laboral, o certificado dixital ou a chave 365; tramitar de bolsas, solicitar cita previa, buscar  ofertas de traballo, etc., serán só algunhas das tarefas da folla de ruta da actividade, que tamén incluirá nocións básicas de informática. Asemade, a formación incluirá un módulo de coñecemento dos dereitos laborais que axuden ás mulleres a reclamar o que lles pertence; recibindo tamén nocións de acoso laboral e como actuar ante el, e formación básica en temas de igualdade.

A maioría das mulleres participantes teñen entre 30 e 50 anos, amas de casa con fillos moitas delas, e teñen experiencia laboral (agora desempregadas) relacionada co sector dos servizos, a agricultura, as fábricas, etc. Mulleres que afectadas pola chamada “brecha dixital”, tentan agora pórse á par de outras persoas máis novas en temas de internet e informática que lles permitan informarse e acceder a outro tipo de postos, ademais de aprender a moverse por internet.

Mellorar competencias

Oana leva 14 anos en Galicia. Ten 32 anos e traballou en hostalería, viveirismo e automoción. Con dúas fillas ao seu cargo, está agora mesmo en paro e tentando sacar a ESO. Quere mellorar os seus coñecementos de internet, para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego estable.

Yolanda (49 anos, sen fillos) é de Tomiño e traballa desde os 13 anos no sector servizos, e desde os 20, en hostalería. Con estudos primarios, asiste a este curso convencida de que o futuro laboral, e o presente, está no dominio de internet e redes sociais.

Luz María (35 anos, dous fillos), é natural de República Dominicana e leva en España 20 anos, 13 deles en Tomiño. Traballou en hostalería e ten coñecementos básicos de internet, pero é consciente da necesidade de mellorar as súas competencias para resultar máis competitiva no mercado laboral.-