“Veciñas na Ciencia”, unha mesa redonda para achegar as máis novas ao ámbito científico Cinco veciñas de Tomiño falarán da súa experiencia persoal en áreas científicas tradicionalmente relegadas aos homes

O próximo 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, e para conmemoralo o grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño decidiu organizar un evento que visibilizase a mozas do municipio que escolleron a ciencia para formarse e adicarse a ela de xeito profesional. “Veciñas na Ciencia” é o título da mesa redonda que conformarán cinco mozas de Tomiño, cada unha especializada nunha rama científica diferente, onde falarán da súa experiencia persoal, as dificultades que atoparon á hora de procurar un emprego ou as diferenzas existentes cos seus compañeiros de estudos e de traballo, entre outros temas. 

Historicamente a proporción de mulleres que decidiron optar por unha formación científico-tecnolóxica estivo sempre en gran desvantaxe con respecto aos homes. Isto débese en parte a que moitas mozas, a medida que van crecendo e pensando no seu futuro, carecen de referentes nestes ámbitos que as motiven a optar por ese camiño. O evento pretende precisamente achegar estes referentes ás novas xeracións de rapazas que poidan estar pensando dedicarse a este ámbito e que teñan dúbidas ao respecto. “A idea é que as mozas vexan que para atopar a mulleres referentes no ámbito científico non precisan saír en documentais na televisión ou en internet, senón que poden ser as súas propias veciñas, esas ás que poden atopar pola rúa ou cando van ao supermercado, de aí o nome do evento”, comenta Henar Alonso, voluntaria da OMIX e unha das organizadoras do evento. 

Ademais, aínda dentro das carreiras científicas, moitas mulleres adoitan escoller aquelas que están máis vinculadas ao mundo dos coidados —área tradicionalmente asociada ás mulleres—, polo que se intentou que as participantes pertencesen a ramas pouco convencionais e tradicionalmente relegadas aos homes. A mesa redonda estará composta por:

  • Laura Alonso Martínez (Goián): Enxeñeira forestal con mestrado en xestión da biodiversidade. Actualmente está realizando un doutoramento traballando de investigadora.
  • Laura Otero Rodríguez (Goián): Bióloga e nutricionista, especializada en nutrición natural.
  • Lidia Mariño Carballo (Estás): Licenciada en Veterinaria e cun Mestrado en “Traumatoloxía e cirurxía ortopédica en animais de compañía”, unha especialidade tradicionalmente masculinizada.
  • Noemí Álvarez Núñez (Tomiño): Licenciada en Farmacia e especialista en Farmacia Hospitalaria.
  • Sheila Ríos Campos (Vilameán): Enxeñeira Industrial responsable de loxística en Galicia de Inturasa Pérez Rumbao, S.A. – IVECO.

O evento terá lugar o sábado 13 de febreiro ás 18:00 horas vía streaming e terá unha duración aproximada de unha hora e media. A idea é que o público tamén poida realizar preguntas se hai tempo e que a través delas se xere un debate. Non é imprescindible inscribirse pero si aconsellable. Poderase participar nel a través da plataforma Jitsi Meets e tamén poderá ser seguido a través da canle de youtube do voluntariado da OMIX. Toda a información está dispoñible na web municipal do Concello de Tomiño no apartado de Actividades no que se atopa o evento “Veciñas na Ciencia”. Pódese acceder a través da ligazón: https://tomino.gal/vecinas-na-ciencia-2021/