Vinte e un anos de música en Goián, que a agrupación celebra cunha xornada de xogos e actividades A escola ten na actualidade 130 estudantes aos que imparte máis de 4.000 horas de formación ao longo do curso

A Agrupación Musical de Goián celebra o seu 21º aniversario cunha xornada lúdico-festiva para o alumnado, que terá lugar o vindeiro sábado, 22 de xuño, no Torreiro de San Lourenzo. A asistencia debe confirmarse chamando a algún membro da directiva ou ao número 626 799 623.

Por outra banda, a agrupación está a procura de novos socios que de xeito voluntario contribúan ao funcionamento da escola de música, á que asisten na actualidade 130 estudantes que reciben máis de 4.000 horas de formación ao longo do curso. “Son cifras que van aumentando curso a curso e esperamos que o sigan facendo no futuro, polo que necesitamos máis recursos”, explican desde a directiva do centro, sito ao lado do auditorio.

A Comunidade de Montes de Goián vén de doar á agrupación musical un cadro de Raúl Gil Burés, 2º premio no Certame de pintura Antonio Fernández do ano pasado. Por esta razón tamén entregarán un talonario de rifas que se sorteará o día 3 de agosto.