“Violencia Zero” chega a Tomiño da man da actriz e dramaturga Esther Carrodeguas Presidirán o acto, este mércores, Mª Victoria Alonso (deputada de Cultura e Igualdade); Paula Cabaleiro (directora de Cultura da Deputación) e Sandra González (alcaldesa de Tomiño). O evento poderá seguirse por streaming

Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia, un ano máis, a performance da VI Edición do programa “Mulleres en acción: Violencia Zero” chega a Tomiño este mércores 30 de xuño, ás 12.00 horas na Praza do Seixo, a carón do Concello. O evento poderá seguirse tamén por streaming.

Presidirán o acto, a deputada provincial de Cultura e Igualdade (Mª Victoria Alonso); a comisaria do Programa “Mulleres en acción Violencia cero” e directora de Cultura da Diputación (Paula Cabaleiro) e a alcaldesa de Tomiño (Sandra González).

A acción escénica que visita Tomiño, titulada “Sinais”, estará a cargo de Esther Carrodeguas, escritora, actriz, directora e perfomer. “Unha reflexión sobre a maneira na que somos capaces de ver (ou non ver) os sinais que a vida nos ofrece para protexernos ou para lembrarnos a ferida que nos provocou. Porque os sinais non deixan de ser xamais unha maneira de comunicación”, explica a artista.

A situación actual supón un importante reto, xa que dificulta o contacto directo co público nas accións, pero Mulleres en acción segue apostando por un impacto emocional. “Deixamos de ter unha participación colectiva na arte mural, pero intervimos artisticamente elementos de protección como as máscaras; adaptamos os eventos aos protocolos de seguridade, e integramos a situación actual na mensaxe das obras”, comentan dende a organización.

Esther F. Carrodeguas 

Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. Fundou a compañía universitaria Teatro dá Falúa e dirixiu Teatro Airiños desde 2011 até 2019. En 2015 gañou o Premio Abrente para Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia coa peza Voaxa e Carmín, na que desvela a historia de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas como Marías de Santiago de Compostela. Este feito fará que se embarque xunto a Xavier Castiñeira na plataforma profesional ButacaZero. Na actualidade compaxina a súa faceta como empresaria e creadora co seu traballo como docente e profesional para compañías externas como directora, dramaturga ou guionista de cinema.